publicidade hoxe

O Hospital Universitario de Ourense contará en setembro cunha segunda resonancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada esquerda
A-
A+
O conselleiro de Sanidade na visita ás obras

O conselleiro de Sanidade na visita ás obras

O vindeiro mes de setembro, o Hospital Universitario de Ourense estreará a súa segunda Resonancia Magnética Nuclear (RMN), equipo diagnóstico de última xeración, no que o Servizo Galego de Saúde investiu un total de 1.451.886,54 euros. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que esta equipación de alta tecnoloxía permitirá asumir a practica totalidade de estudos que se solicitan no centro e acceder a novas técnicas diagnósticas, así como duplicar a capacidade de realización de resonancias.

O pasado ano 2017, realizáronse 17.132 estudios de RMN solicitados desde os distintos servizos do hospital e desde os centros de atención primaria de Ourense. A maioría de carácter ambulatorio (9.853 probas) e o resto a pacientes ingresados.

Da inversión total de 1,4 millóns de euros, 618.781,61 euros corresponden as obras de adaptación actualmente en marcha, adxudicadas a Construccións Orega S.L., que teñen por obxectivo ampliar e remodelar á unidade de radiodiagnóstico, para instalar o novo equipo, asi como reordenar espazos, fluxos e circulación de pacientes, mellorando seu acceso interno e desde o exterior do hospital.

Pola súa parte, a nova resonancia (RMN) é un equipo Philips Ingenia de 1.5 teslas CX, adquirido polo Servizo Galego de Saúde mediante o Contrato Socio-Tecnolóxico, o que supón un investimento de 833.104,23€ que permitirá reducir o tempo de inmobilización do paciente, para realizar o estudo, así como acceder a unha imaxe de alta resolución, mediante un proceso totalmente dixitalizado, de captación e transferencia da imaxe por banda ancha, plenamente integrado na historia clínica electrónica do Sergas.

Novas técnicas diagnósticas

O novo equipo de alta tecnoloxía conta con bobinas dixitais que abarcan tódalas aplicacións clínicas avanzadas, garantindo máxima calidade de imaxe. A principal vantaxe do novo equipo é que permitirá acceder a novas técnicas diagnósticas, xa que dispón de bobinas específicas para a realización de estudos de cabeza, neurovasculares, de columna completa, cabeza-cuello-columna; pulso-cóbado; torso, ombro ou xeonllo e mama. Esta última é especialmente salientable, xa que permitirá realizar directamente en Ourense estudos bilaterais de mama por RMN.

Este novo equipamento avanzado, ata agora so dispoñibles en hospitais oncolóxicos ou de referencia, permitirá aos profesionais da Unidade de Mama de Ourense, acceder a novas técnicas diagnósticas, como as biopsias de mama guiadas por resonancia magnética.

Obras para ampliar espazo e accesibilidade

Unha vez rematadas as obras para acoller a nova sala de resonancia, a unidade contará con 540,90 metros cadrados, duplicando o espazo dispoñible ata agora. Contará con dous puntos de acceso interno e externo, ademais dunha nova área de recepción e espera, que contará con acceso directo a zona de aseos para pacientes ambulatorios.

Ademais, a reforma permitirá contar con acceso directo ás cabinas, desde a sala de espera, limitando ao mínimo as circulación de pacientes ingresados, e ampliar as áreas de preparación de pacientes e acceso con camas, para ingresados. Xunto a elo a sala de informes resituarase no centro da unidade, facilitando os acceso dos profesionais ás dúas salas de resonancia. Os traballos tamén permitirán dotar con luz natural os espazos, mediante a cobertura dun patio interior que terá nova utilidade.

Novas cafeterías restaurante no Edificio de Hospitalización

Usuarios e profesionais do Hospital Universitario de Ourense dispoñen desde esta semana de novas cafeterías restaurante no Edificio de Hospitalización, nunhas amplas e luminosas instalacións nas plantas 0 e -1 ambas adaptadas para persoas con mobilidade reducida e cadeiras de rodas e próximas ás áreas de hospitalización, probas e urxencias.

Ademais dun deseño práctico e moderno, a nova concesionaria ofertou melloras sobre o anteproxecto de licitación, como accesibilidade nas caixas, áreas de uso preferente e mobiliario adaptado para persoas con mobilidade reducida, ademais de medidas de aforro enerxético e redución de ruído, como a instalación de portas automáticas e cortinas de aire, ademais de instalacións e materiais de absorción acústica, e baixo nivel sonoro, ampliando tamén as medidas de seguridade anti-incendios e de trazabilidade alimentaria.

Subrogación do persoal e mantemento do servizo

Asemade, dacordo cos pliegos do concurso, e respectando a normativa vixente, a nova concesionaria subrogou o persoal das cafeterías, e asumíu as obras de adaptación dos locais, xunto co equipamento, mobiliario, etc.

Os novos espazos, para persoal e visitantes, permitiron tamén revertir aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, un canon de adxudicación de 1.610.100€ euros, aboado ao inicio da concesión, a 15 anos non renovable, o que permite contar con este servizo nun horario continuado, dacordo coas necesidades dun centro sanitario público.
Asemade, tanto o servizo como a calidade da súa prestación, e adecuación ás tarifas marcadas no concurso, estará supeditado ao seguimento por parte do persoal do Sergas, que poderá realizar tódalas inspeccións que considere oportunas, sen previo aviso, para controlar se cumpren ditas condicións, realizando medidas correctoras de ser preciso

Tarifas reducidas para persoal e visitantes

Entre as condicións deste servizo, establécese unha limitación de prezos, marcando unhas tarifas máximas, que non se poden superar, así como o establecemento de prezos reducidos para o persoal, que contan xa cunhas modernas instalacións que triplican o reducido espazo dispoñible, ata agora, no edificio Cristal. A cafetería de persoal está situada na planta 0, do novo edificio de Hospitalización, na Área de Formación e Docencia, próxima ás aulas e ben comunicada interiormente.

Pola súa parte, a nova cafetería-restaurante para público está xusto debaixo, na planta principal de acceso ao novo edificio de Hospitalización (-1), duplicando o espazo dispoñible anteriormente, e con entradas desde o interior e exterior do hospital. Ambas cafeterías dispoñen de moita luz natural, grazas aos amplos ventanais, cara a nova praza central.

1 de agosto de 2018 | 14:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.