publicidade hoxe

O Camiño de Santiago alcanza os 200.000 peregrinos deste ano cun cidadán italiano que completou o Camiño Francés en bicicleta

Nava Castro na recepción ao peregrino 200.000

Nava Castro na recepción ao peregrino 200.000

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, deron esta mañá a benvida ao peregrino 200.000 deste ano no Camiño de Santiago. Trátase de Marco Della Rocca, un cidadán procedente de Salerno (Italia) e que estivo acompañado de dous amigos.

O peregrino co que a ruta xacobea acada esta simbólica cifra chegou a Santiago de Compostela despois de percorrer o Camiño Francés en bicicleta desde Saint-Jean-Pied-de-Port. De 31 anos, arqueólogo e dedicado á docencia, era a primeira vez que peregrinaba e agarda repetir no futuro dada a satisfacción coa experiencia, un perfil que se axusta aos identificados no Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago realizado este pola Universidade de Santiago de Compostela a iniciativa do Goberno autonómico.

O deán e a directora recibírono no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, onde acudiu para recoller a súa Compostela e onde manifestou unha motivación relixiosa á hora de decidir coñecer o Camiño de de Santiago. Tamén participaron na recepción o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, e o director do Hostal dos Reis Católicos, Julio Castro.

No que vai de ano, remataron xa o Camiño de Santiago preto un 8% máis de peregrinos que no mesmo período do ano pasado. O 55% dos camiñantes son estranxeiros chegados de 164 países. Isto está a consolidar a súa internacionalización cun crecemento sostido que se apoia no Plan director do Camiño de Santiago, a folla de ruta dotada con máis de 56 millóns de euros e impulsada pola Xunta de Galicia desde 2015 coa vista no Xacobeo 2021.

Xunto á internacionalización, consolídase a diversificación de fluxos polos distintos itinerarios oficiais da Comunidade, nos que o Goberno galego realiza unha intensa labor de mellora. O Camiño Francés comparte protagonismo co resto de rutas. A maioría dos peregrinos, en concreto un 57% do total, decantouse por esta vía, mentres que o 21% optou polo Camiño Portugués, ao que Turismo de Galicia dedica neste 2018 os seus principais investimentos, xunto co Camiño Portugués da Costa, seguindo o cronograma do Plan director.

Pegada no rural

A importante pegada do Camiño de Santiago a todos os niveis púxose de manifesto nos resultados do estudo da USC, que acredita a positiva repercusión do Camiño de Santiago en Galicia, especialmente nos concellos do rural. A súa influencia reflíctese en variables como o PIB, o emprego, o comercio local, as tendencias demográficas, a cultura ou a paisaxe.

14 de agosto de 2018 | 14:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.