publicidade hoxe

O 061-Galicia asistiu a 83 persoas por 62 accidentes de circulación na fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaSucesos
A-
A+

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 83 persoas debido a 62 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15:00 horas do venres, 10 de agosto ata as 23:59 horas do domingo, 12 de agosto. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con 30 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 69 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 62 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 83 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 54 % e do 46 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 31 % dos atendidos tiña entre os 25 e os 39 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 35 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

A Coruña: 18
Lugo: 8
Ourense: 1
Pontevedra: 35
Total Galicia: 62

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 85. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado acudiu en cinco sinistros, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 71 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en dous sinistros.

En 73 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en nove ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

13 de agosto de 2018 | 14:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.