publicidade hoxe

Medio Rural promociona os valores culturais de Agolada cun proxecto senlleiro que rehabilitará un dos seus pendellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse esta mañá ata o concello pontevedrés de Agolada para asinar un convenio de colaboración co Goberno local, a través do cal se levará a cabo un proxecto senlleiro de rehabilitación dun pendello. “Debemos conservar e difundir o noso patrimonio cultural, pois redundará na promoción do entorno e dinamización do noso rural”, insistiu a conselleira.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo alcalde, Ramiro Varela, e o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, desprazouse ata o pendello obxecto do convenio para coñecer da primeira man as obras que se van acometer. Así, vaise a proceder ao acondicionamento exterior e interior da infraestrutura para dotalo dunha cociña tradicional galega e comunicalo, dende o seu interior, co pendello anexo que fai de comedor. As obras, que deberán estar finalizadas a finais do mes de novembro, están financiadas por Agader e cobren a totalidade dos gastos, supoñendo un investimento de 40.000 euros.

Este tipo de proxectos denominados senlleiros permiten mellorar a calidade de vida dos veciños a través da posta en valor das infraestruturas situadas no rural, contribuíndo á dinamización de actividades socioculturais na zona e promocionando os valores. Existen dous tipos de convenios, por unha banda os denominados como de conservación do patrimonio cultura do rural galego e, por outra, aqueles de mellora de infraestruturas orientadas á mellora da calidade de vida dos habitantes do agro.

Proxectos financiados

A conselleira puxo en valor este tipo de iniciativas, pois ademais de contribuír a fixar poboación no rural, permiten tamén satisfacer as necesidades dos veciños e os seus equipamentos básicos. Neste senso, destacou os máis de 650.000 euros comprometidos para este ano 2018, co obxecto de levar a cabo un total de 16 iniciativas deste tipo.

O pasado ano executáronse un total de 14 proxectos senlleiros por un orzamento de case 900.000 euros. Entre estes proxectos salientan o acondicionamento do antigo matadoiro para secado de xamóns na Cañiza ou a adquisición de material bibliográfico da curta cinematográfica Mouras en Folgoso do Courel. No eido do patrimonio tamén se traballou na recuperación dun muíño do século XIX no Bolo ou a humanización da igrexa de Torres en Vilarmaior.

28 de agosto de 2018 | 14:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.