publicidade hoxe

Medio cento de proxectos de pemes de transformación de produtos do mar obteñen axudas para mellorar a súa actividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVilaboa
A-
A+

A Consellería do Mar vén de aprobar axudas a 50 proxectos de melloras en pequenas e medianas empresas de transformación de produtos do mar por un importe de máis de 18,4 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Estes fondos permitirán mobilizar un investimento global de 43 millóns de euros.

Así o destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a visita a Conservas del Noroeste (Connorsa), unha das empresas beneficiarias destas achegas. Con elas a Xunta subvenciona ata o 50% das melloras que realicen as pemes de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura e que fomenten a sustentabilidade ambiental.

Así, a través delas, engadiu a conselleira, contribuímos a realizar accións que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as súas condicións de traballo e investimentos que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros aspectos.

Ademais durante a visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, a titular de Mar subliñou que todas as solicitudes presentadas que cumprían os requisitos obtiveron axuda. De feito, lembrou, debido á concorrencia e á existencia de dispoñibilidade orzamentaria, a Xunta incrementou o importe destinado á convocatoria deste ano.

En relación a Connorsa, Rosa Quintana destacou a súa capacidade de adaptarse ás esixencias de mercado e aos clientes introducindo melloras nos procesos e nos produtos, o que encaixa, subliñou cos obxectivos das axudas que desde a Xunta poñemos a disposición das pemes deste sector.

Connorsa

A empresa Conservas del Noroeste S.A. (Connorsa) foi fundada en 1985, atópase localizada na ría de Vigo e concentra a selección de materia prima, elaboración, enlatado e distribución nunha única planta baixo un total de 23 marcas, entre elas Cabo de Peñas. Comercializa sardiñas, berberechos, mexillóns, cefalópodos, cabala, atún e atún claro e no proceso de envasado soamente emprega embalaxes elaboradas con materiais reciclables.

9 de agosto de 2018 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.