publicidade hoxe

Medio Ambiente e Concello de Porto do Son asinan o convenio para construír a Edar de Queiruga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada esquerdaPorto do Son
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio

Beatriz Mato na sinatura do convenio

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, veñen de asinar o convenio de colaboración que permitirá construír unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) e unha rede de colectores no lugar de Queiruga, cun orzamento máximo previsto de dous millóns de euros.

A actuación, que executará e financiará Augas de Galicia con fondos propios, suporá un gran avance para a rede de saneamento dos principais núcleos costeiros de poboación deste concello. Así, tal e como subliñou a conselleira, a obra comprometida en Queiruga daralle continuidade ao saneamento da costa exterior de Porto do Son, onde a Xunta executou nos últimos anos importantes infraestruturas nos lugares de Baroña, Xuño e Caamaño.

Concretamente, prevese a construción dunha rede de colectores de augas residuais, pluviais e impulsións que suman máis de 5.300 metros de lonxitude en total. Asemade, a nova EDAR estará provista de dúas liñas de pretratamento, un decantador primario en dúas etapas e un tratamento biolóxico por medio dun contactor biolóxico rotativo de tres metros de diámetro e sete de lonxitude.

Grazas a esta actuación, que dará servizo a unha poboación estimada de preto de 1.000 habitantes, mellorarase a calidade ambiental das augas costeiras de Queiruga, parroquia que, nestes momentos, non dispón de servizo municipal de saneamento nin depuración.

Gran esforzo investidor

Os dous millóns de euros que Augas de Galicia destinará á construción da EDAR e da rede de colectores de Queiruga súmanse ao esforzo investidor realizado pola Xunta de Galicia nos últimos anos neste concello coruñés en materia de saneamento e abastecemento, con actuacións executadas ou comprometidas por valor de case 14 millóns de euros.

Así, Augas de Galicia levou a cabo tamén as obras de saneamento do núcleo de Caamaño e a mellora e ampliación da EDAR de Xuño, por un importe de 450.000 euros; así como a rede de colectores e a EDAR de Baroña, cun custo de algo máis dun millón de euros.

Outro punto do Concello de Porto do Son no que se mellorou a situación do abastecemento foi Xuño e Muro, cunha actuación executada por Augas de Galicia por un importe de case 220.000 euros. E o ano pasado, subvencionou con 58.000 euros a construción das canalizacións de saneamento nos núcleos rurais de Baroña, Abuín, Vilar e Arnela.

Ao conxunto destas actuacións acometidas en distintas parroquias do termo municipal súmase tamén a propia EDAR de Porto do Son e a súa rede de colectores, infraestrutura xa executada e na que a Xunta ten comprometido un investimento global de 12,2 millóns de euros, tendo en conta tamén os custos de explotación.

13 de agosto de 2018 | 12:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.