publicidade hoxe

Galicia alcanza o 71% do obxectivo marcado no Plan fixación de poboación para a incorporación de mozos á actividade agraria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, salientou hoxe no concello pontevedrés do Rosal o alto grao de cumprimento previsto no plan de fixación de poboación no tocante á incorporación de mozos á actividade agraria, alcanzando xa o 71% e faltando aínda dous anos para que remate o prazo marcado.

Estas cifras indican que a poboación máis nova segue apostando polo rural galego, con 1.084 incorporados nos últimos dous anos (2016 e 2017) e 484 solicitudes pendentes de resolución da convocatoria deste ano 2018 que supoñen un investimento no agro de 21,8 millóns de euros. Así o puxo de manifesto Ángeles Vázquez durante a súa visita á empresa Bichosa, beneficiaria destas achegas, que se dedica á venda online de alimento vivo para mascotas exóticas. “Un claro exemplo de diversificación que ten cabida no noso agro e que permite satisfacer unha demanda que estaba pouco explotada”, sinalou a conselleira.

Ángeles Vázquez reiterou a importancia destas achegas, coa que se procuran acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego no sector agrario, co fin último de fixar poboación no medio rural. Esta liña compleméntase coas axudas de plan de mellora e desenvolvemento de pequenas explotacións, para as cales houbo un orzamento global de 65 millóns de euros na convocatoria deste ano.

Bichosa

A empresa Bichosa nace no ano 2013 con intención de satisfacer a demanda de alimento vivo en Galicia. Trátase dun produto escaso e caro que estaba pouco explotado na nosa comunidade. Tras ver os primeiros resultados, decidiron solicitar a axuda de incorporación de mozos, beneficiándose así de 45.000 euros, e ampliar oferta de forma online a todo o territorio nacional. Entre os produtos que venden cabe destacar os grilos, vermes, cascudas ou lagostas.

8 de agosto de 2018 | 14:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.