publicidade hoxe

Comezan as obras de mellora do firme en varias estradas autonómicas nas comarcas de Ferrol e Ortegal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia hoxe as obras de reforzo de firme en varias estradas autonómicas nas comarcas de Ferrol e Ortegal por un importe de preto de 630.000 euros.

Estes traballos, cun prazo de execución de tres meses, foron adxudicados á empresa Lancer Proyectos y Obras S.A.

As obras comezarán pola estrada AC-100, no Concello de Mañón, onde a Xunta tamén está a acometer de xeito coordinado o acondicionamento no treito entre O Barqueiro e Vila de Bares, co que están xa a avanzar na pavimentación.

Estas actuacións están enmarcadas nun contrato de arranxo da capa de rodadura en treitos das estradas AC-100, AC-102, AC-110, AC-116, AC-566, AC-861 e AC-862, ao seu paso polos Concellos de Ferrol, Cedeira, Mañón, Moeche, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño, Cerdido.

A Xunta, coa execución deste tipo de traballos, continúa co desenvolvemento do Plan de reforzos de firme, que nos Orzamentos para 2018 incrementa de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 millóns de euros.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.

8 de agosto de 2018 | 14:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.