publicidade hoxe

As obras do novo edificio xudicial de Tui serán unha realidade no verán de 2019

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaTui
A-
A+

As obras do que será o novo edificio xudicial de Tui van comezar de inmediato, o próximo luns, tras a sinatura hoxe da acta de replanteo. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse hoxe ata a vila para visitar o seu emprazamento: o antigo centro de saúde, que agora se rehabilitará para acoller os tres xulgados da vila.

O prazo previsto de execución dos traballos é de 12 meses, polo que se prevé que poidan estar rematados no verán de 2019. En total, a Xunta investirá uns 2,7 millóns de euros para facer realidade esta nova infraestrutura.

O novo edificio xudicial permitirá unificar as tres unidades xudiciais que existen na vila, e que prestan servizo aos tudenses e ás aproximadamente 50.000 persoas que residen nos concellos que conforman o partido xudicial: A Garda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui.

A infraestrutura contará con case 1.500 metros útiles, que se dividirán entre as plantas primeira e baixa, e o soto. Na planta máis alta, situaranse as dependencias administrativas como as oficinas dos xulgados e os despachos. Na baixa, á que accederá o público, estarán as tres salas de vistas, o rexistro, as dependencias do Imelga, ou a Oficina de atención á vítima. Por último, no soto ubicaranse outras instalacións como almacéns ou calabozos.

Co novo edificio xudicial, Tui disporá dun espazo unificado, máis cómodo, amplo e funcional, xa que a mellora da eficiencia enerxética será tamén un dos puntos claves do proxecto.

Esta actuación forma parte do Plan de infraestruturas xudiciais que a Xunta lanzou en 2009 e que, grazas a un investimento duns 100 millóns de euros, está a permitir renovar distintas sedes xudiciais galegas para garantir os mellores recursos posibles para a Administración de Xustiza. Neste mesmo plan inscríbense outras obras como a nova Cidade da Xustiza de Vigo, o novo edificio xudicial de Pontevedra ou a xa rematada Fábrica de Tabacos na Coruña.

3 de agosto de 2018 | 12:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.