publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ábrese o prazo para solicitar as novas axudas de produción de horta por valor de catro millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaValdoviño
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita a unha explotación de horta en Valdoviño

Ángeles Vázquez na visita a unha explotación de horta en Valdoviño

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou hoxe unha explotación de horta no concello de Valdoviño e alí aproveitou para anunciar a publicación no DOG da nova orde de axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal dotada cun orzamento de catro millóns de euros. Dáse así cumprimento ao compromiso adquirido pola conselleira de sacar adiante unha convocatoria de subvencións específica para o sector da horta e a planta ornamental, de xeito que non teñan que competir con outros sectores máis potentes en Galicia como o lácteo ou cárnico.

Estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, teñen como beneficiarios ás empresas de horticultura ao aire libre e en invernadoiro de todo tipo: hortalizas, flores, plantas, cogomelos e champiñóns, viveiros vitícolas, cultivos leñosos, sementes e patacas. Todos eles poderán, a partir de mañá e durante un mes, solicitar estas achegas para realizar melloras nas súas explotacións co obxectivo de modernizarse e incrementar a súa competitividade.

Ata o de agora, estas compañías optaban á orde dos plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións xunto ao resto de sectores. Agora terán unha liña propia para non entrar en concorrencia competitiva con ámbitos con máis peso na economía galega e garantir así que as axudas cheguen a todos os que queren investir no rural galego.

“Queremos apostar pola horta galega, por iso, ademais de traballar nunha marca específica (Horta de Galicia), sacamos esta nova orde de axudas”, sinalou Ángeles Vázquez durante a súa visita en Valdoviño na que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o alcalde, Alberto González.

Incorporación dunha traballadora

Precisamente a esta empresa do lugar de Poi foille aprobada unha subvención de 37.500 pola incorporación dunha moza á explotación. “A xente está optando por quedarse no rural galego”, declarou a conselleira e engadiu que o obxectivo da Xunta é facilitarlle todos os servizos e atención para garantir unha boa calidade de vida.

Respecto a esta nova convocatoria, o importe da axuda será do 30% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% se o solicitante cumpre con certos criterios como o de ser agricultor mozo, que sexa un investimento colectivo ou en zonas con limitacións naturais, que sexa un cultivo en ecolóxico ou que as operacións estean subvencionadas no marco da Axencia Europea da Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola.

Aumentar o valor engadido

Seguindo co obxectivo de apoiar o sector da horta para así diversificar a economía rural galega, cómpre sinalar que os agricultores tamén poden optar ás axudas de transformación e comercialización. De feito, na última convocatoria destas subvencións ata 13 proxectos relacionados con este ámbito resultaron beneficiarios para emprender ou mellorar os seus proxectos de venta e transformación e incrementar deste xeito o valor das súas producións. Estas 13 iniciativas mobilizarán preto de 6 millóns de euros no rural galego, para os que teñen asignada unha axuda de 1,8 millóns.

6 de agosto de 2018 | 12:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.