publicidade hoxe

A Xunta impulsa a innovación en procesos e produtos no forestal cun programa de axudas que mobilizará 3,6 millóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), vén de activar unha convocatoria de axudas destinada a impulsar a innovación en procesos e produtos no forestal e que permitirá mobilizar investimentos por un importe aproximado de 3,6 millóns de euros.

A través deste programa pioneiro, ao que a Xunta destina 1,2 millóns, promóvese a xeración de valor en arredor de 24 pemes e microempresas da segunda transformación da madeira, carpintaría, fabricación de mobles e nas compañías do sector contract nos procesos que utilicen produtos forestais.

Concederanse apoios de ata 200.000 euros que cobren un 40% do investimento a realizar para aumentar a competitividade das empresas mediante procesos produtivos ou técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados, favorecendo a diminución do impacto ambiental.

En concreto, impulsarase a compra de maquinaria para a posta en marcha de procesos produtivos novos ou a elaboración e fabricación de novos produtos; técnicas de secado, preparación ou tratamento que supoñan a valorización de produtos existentes, incrementando o seu valor ou a extensión do seu catálogo; e as obras necesarias para a instalación destas novas máquinas. Do mesmo xeito, apoiarase a incorporación de tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) ligadas a estes procesos de valorización, así como proxectos ou estudios de enxeñería ou deseño adscritos aos procesos anteriores, sempre que se realicen xunto con investimentos en procesos produtivos.

Á hora de conceder as axudas, que se poden solicitar ata o 7 de setembro, primarase, entre outros criterios, ás empresas que teñen cadea de custodia e cuxa materia prima certificada proceda de montes galegos, e aquelas que conten cun cadro de persoal cun mínimo dun 75% de traballadores fixos. Do mesmo xeito, tamén se bonificará a creación neta de emprego con contrato fixo, e aqueles proxectos que incorporen persoal con titulación específica adaptada ao posto, mulleres ou persoas con discapacidade.

Con este programa búscase a xeración de valor engadido na industria forestal galega, que ten a súa localización maioritariamente no ámbito rural, contribuíndo así á creación de emprego de calidade e á fixación de poboación.

Esta actuación compleméntase coa convocatoria de axudas de Xera destinada á adquisición de nova maquinaria, cun orzamento de máis de 8 millóns de euros. Mediante estes dous programas, a industria forestal conta con apoios específicos que abranguen toda a cadea de valor, desde as empresas ligadas a actividades de corta e seca, a primeira e a segunda transformación, á carpintería e o moble, así como as empresas da canle contract nos seus procesos ligados ao uso de madeira.

Neste ámbito, tamén vén de presentarse a Estratexia de formación da industria forestal de Galicia, elaborada coa participación das principais asociacións representativas, e que permitirá impulsar a especialización de máis de 5000 profesionais cunha oferta formativa á medida.

Galicia sitúase como a novena potencia forestal a nivel europeo, e a madeira cortada nos montes da Comunidade supón o 50% do total nacional. Ademais, o forestal representa o 1,8% do PIB galego e o emprego que xera a cadea de valor supón un 12% do emprego industrial de Galicia. O forestal move arredor de 2000 millóns de euros anuais e emprega a máis de 70.000 persoas nunhas 3000 empresas que abarcan toda a cadea de valor.

16 de agosto de 2018 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.