publicidade hoxe

A Xunta entregou 25 vivendas na Tinería no último ano e medio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugoPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia entregou dende marzo do pasado ano 25 vivendas de promoción pública situadas na Tinería, logrando que a día de hoxe o nivel de ocupación nos inmobles do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no Casco Histórico de Lugo sexa practicamente pleno. Igualmente, entregou a totalidade dos baixos, algúns xa con negocios en marcha e outros en tramitación -entre eles os adxudicados ao Concello de Lugo-.

Nesta área a Xunta dispón de 82 vivendas e tan só quedan por adxudicar dúas, reservadas para persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, hai outras dúas de nova construción que xa están rematadas pero á espera de que o Concello de Lugo remita a licencia de primeira ocupación, polo que serán adxudicadas tan pronto se reciba.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo hoxe entrega dunha das últimas vivendas dispoñibles na Tinería, en Recanto do Miño 7; trátase dun piso de dúas plantas que ten unha superficie de 85 metros cadrados. Tamén entregou as chaves doutra vivenda situada na rúa Fermín Rivera.

En relación ao barrio da Tinería, subliñou que a Xunta “está a apostar pola transformación deste espazo, crucial para a cidade”, e continúa impulsando proxectos como a rehabilitación de catro novos edificios para vivendas, cun investimento de máis de 1 millón de euros; as iniciativas para recuperar o pazo de Dona Urraca -que acollerá a oficina de turismo- e a Casa Torre Medieval, ou a oferta que lanzou para comprar inmobles que estaban en mans de particulares, para o que destinou 500.000 euros.

Balseiro lembrou que a entrega de vivendas de promoción pública é un proceso continuo que a Xunta de Galicia ten en marcha ao longo de todo o ano, segundo se vaian producindo as vacantes.

As persoas interesadas en optar a algunha destas promocións poden inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma, accesible tanto a través da sede electrónica como nas oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

6 de agosto de 2018 | 14:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.