publicidade hoxe

A Consellería de Cultura investirá máis de 500.000 na restauración da igrexa e ex colexiata de Santa María de Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o seu departamento ten previsto acometer a restauración da igrexa e excolexiata de Santa María, na localidade pontevedresa de Baiona. O orzamento previsto para esta actuación supera os 500.000 euros e con el acometerase a reparación da cuberta, das vidrieiras, das fachadas e dos paramentos interiores.

Segundo explicou o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, a actuación podería licitarse a finais deste mesmo ano 2018, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Na visita o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; polo delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e polo alcalde de Baiona, Ángel Manuel Rodal.

Segundo o proxecto básico e de execución encargado pola Consellería para valorar o alcance e importe dos traballos, as obras consistirían na recuperación da totalidade da cuberta da igrexa, incluídas reparacións puntuais na estrutura da mesma, que se sustenta sobre un teitume único a base de madeira a dobre vertente apoiada nos arcos feixóns. Así mesmo, desenvolveranse labores de limpeza e rexuntado de pedra das fachadas, para evitar filtracións de auga cara o interior da igrexa, repararanse as manchas de humidade nos paramentos interiores, renovaranse os guarnecidos e renovarase a pintura onde sexa necesario. Así mesmo, arranxaranse e axustaranse as vidreiras da igrexa.

A igrexa de Santa María de Baiona é un ben incluído no listado da declaración de Ben de Interese Cultural da zona antiga de Baiona coa categoría de conxunto histórico. Asemade está incluído no ámbito de protección do Camiño Portugués (ruta da costa), segundo a disposición transitoria sexta da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

De influencia cisterciense, o templo está posiblemente asentado sobre unha igrexa anterior, máis pequena. Foi elevado a colexiata en 1482, rango que mantivo ata mediados do século XIX. Descoñécense os artífices ou talleres construtivos desta igrexa, que foi construída en diferentes períodos cronolóxicos e por tanto movementos artísticos.

A igrexa presenta planta basilical organizada en tres naves, divididas en seis tramos por arcos feixóns na que a central é de maior amplitude respecto dos seus lindeiros. A cabeceira é tripartita, ao engadirse capelas nas naves laterais da Epístola (s. XVI) e Evanxeo (s. XVIII) de planta cuadrangular todas elas. O retablo barroco é da autoría do artista redondelano Antonio do Villar.

Biblioteca renovada

Durante a súa visita a Baiona o conselleiro aproveitou para comprobar o resultado do investimento realizado polo seu departamento na biblioteca do concello. Cómpre sinalar que a Consellería achegou 40.000 euros para financiar a compra do mobiliario para as renovadas instalacións da Biblioteca Municipal, situada no emblemático edificio Sancti Spiritus, do século XVII.

Entre outras xoias, a biblioteca conta con fondos especiais, como o da Arribada, creado no 2012 para catalizar os estudos vinculados con Baiona e co descubrimento de América, de tal xeito que alberga o maior arquivo histórico da comarca e un dos máis importantes de Galicia neste ámbito.

6 de agosto de 2018 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.