publicidade hoxe

Xunta, Fegamp e Deputación constitúen un grupo de traballo polas emerxencias na Coruña para avaliar posibles melloras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

Representantes da Xunta, da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e da Deputación provincial reuníronse hoxe para constituír o Grupo de traballo polas emerxencias da provincia da Coruña.

Este primeiro encontro, que tivo lugar na Coruña, contou coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor. O obxectivo deste foro será estudar posibles necesidades na cobertura de emerxencias a nivel provincial, así como propoñer medidas para solucionalas.

Así, o grupo traballo encargarase de estudar as áreas atendidas por cada servizo de emerxencias para determinar se son necesarios axustes para mellorar os tempos. De detectarse estas necesidades, o grupo tamén se encargará de propoñer posibles respostas a estas situacións, buscando o consenso entre todas as administracións implicadas.

Esta iniciativa derívase do acordo acadado no seo do Grupo de Traballo polas emerxencias a nivel autonómico, que determinou a creación de foros provinciais co obxectivo de dispoñer de información máis detallada e adaptada ás necesidades de cada territorio á hora de abordar a mellora do mapa das emerxencias.

A comarcalización dos parques das cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola Xunta a nivel autonómico e abordadas no Grupo de Traballo polas emerxencias de Galicia, permitirán que, cando se produza unha incidencia, se estenda o tempo de resposta de 20 minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación da comunidade autónoma.

12 de xullo de 2018 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.