publicidade hoxe

Xunta e Fundación Monte do Gozo traballan xuntos no desenvolvemento do programa Acougo en Vigo de Proxecto Home

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada dereitaVigo
A-
A+
José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio

José Manuel Rey Varela na sinatura do convenio

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Fundación Monte do Gozo para o desenvolvemento do programa Acougo no Proxecto Home de atención, rehabilitación e reinserción social de persoas adictas. O acordo foi rubricado tamén por Ramón Gómez Crespo, director de Proxecto Home Galicia.

A colaboración centrarase no sostemento dos servizos e accións que se desenvolven no dispositivo para persoas diagnosticadas con patoloxía dual que a Fundación posúe na cidade de Vigo.

Esta diagnose dual é a concorrencia nunha persoa dun trastorno por abuso de substancias psicoactivas e calquera outro trastorno psiquiátrico asociado, sendo os máis común do a esquizofrenia, o trastorno límite de personalidade, o trastorno bipolar e o trastorno obsesivo compulsivo. As persoas con este perfil presentan un maior deterioro a todos os niveis polo que non responden aos tratamentos convencionais o que fai imprescindible abordar esta problemática dun xeito integral, estruturado e prolongado no tempo.

O risco de exclusión social das persoas con patoloxía dual é moi elevado, particularmente, no referente á incorporación ao mundo laboral e na súa participación nun ocio saudable. Polo tanto, o obxectivo desta colaboración é a integración harmónica e satisfactoria no ámbito familiar, social e laboral das persoas a tratamento neste programa. Para elo, desenvolverase unha fase en réxime residencial, aínda que é posible que determinadas persoas, segundo a súa evolución, sexan tratadas en réxime ambulatorio ou semi-residencial.

A Xunta de Galicia investirá neste programa 153.846 euros, unha suma que permitirá o financiamento neto anual de 9 prazas en calquera dos programas elixibles no marco deste convenio, que poderá incluír alternativas residenciais, talleres ocupacionais encamiñados á mellora das habilidades e destrezas e actividades enfocadas á consecución da inserción sociolaboral dos usuarios do programa. Así mesmo, poderanse subvencionar os gastos do persoal necesario para a execución das actividades e gastos como o gas, a luz ou a telefonía entre outros.

A vixencia do convenio estenderase desde a data da súa sinatura ata o día 31 de decembro de 2018. Non obstante, financiaranse os gastos realizados desde o 1 de xaneiro do presente exercicio.

Tanto o conselleiro como o director de Proxecto Home Galicia amosaron a súa satisfacción tras a sinatura, que marca a continuidade da colaboración entre a Administración autonómica e a Fundación para mellorar a calidade de vida das persoas que máis o precisan.

2 de xullo de 2018 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.