publicidade hoxe

Sergas e sindicatos acordan o establecemento da carreira profesional en todas as categorías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Sergas e os sindicatos CESM, SATSE, UGT e CIG, acordaron hoxe, nunha reunión da Mesa Sectorial, as bases da carreira ás que poderán concurrir os profesionais de todas as categorías profesionais do Servizo Galego de Saúde. O acordo asinado hoxe vai permitir o pleno recoñecemento económico dos mesmos dereitos para o persoal interino, que por primeira vez vai acceder ao recoñecemento da carreira profesional, que suporá un incremento medio anual nas retribucións dun 6%.

Segundo o acordo ratificado hoxe, os profesionais do Sergas comezarán a percibir o 60% dos importes correspondentes ás retribucións computadas na carreira profesional a partir do vindeiro ano 2019, e o restante 40% farase efectivo en xaneiro de 2020.

Nas bases de carreira ordinaria contémplase un sistema transitorio de encadre para o acceso a un grao máis, e, así mesmo, unha flexibilización nos requisitos para o acceso a un seguinte grao que vai permitir ao persoal que concurra á carreira profesional o recoñecemento de dous graos en dous anos.

O ciclo completo dos catro graos previstos nas bases sitúa a Galicia na media dos 22 anos para os médicos, por baixo doutras comunidades como Cataluña ou País Vasco, nas que se requiren 25 anos para completalo. Para o resto dos colectivos acordouse tamén unha rebaixa de 25 a 24 para completar os graos da carreira profesional.

Co acordo asinado hoxe, o Sergas cumple o compromiso coas centrais sindicais, do pasado mes de outubro, para pechar as bases da carreira profesional. A Administración sanitaria recoñece o esforzo realizado polos seus profesionais nestes últimos anos, e engade as retribucións aprobadas hoxe ao conxunto de medidas contempladas xa no Plan de Estabilidade para a mellora das condicións laborais das plantillas do Sergas.

6 de xullo de 2018 | 14:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.