publicidade hoxe

Sergas e Concello de Cabanas cofinanciarán as obras de reforma do centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabanasLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Cabanas (A Coruña), Germán Castrillón Permuy, asinaron un convenio de colaboración no que se establecen as bases para a reforma do centro de saúde cabanés. As actuacións de mellora desta infraestrutura sanitaria pertencente á rede pública galega contan cun orzamento estimado de 45.633 euros.

As obras previstas serán cofinanciadas nun 50% entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Concello de Cabanas. Así, o Sergas aportará 22.816, 50 euros e a administración local, outros 22.816,50 euros. En base ao convenio asinado, ambas administracións comprométense a consignar o crédito adecuado e suficiente para imputar a totalidade do gasto que asumen.

Corresponderalle tamén ao Concello cabanés, como titular do centro de saúde, a contratación, dirección e execución das obras de reforma, así como a supervisión do proxecto técnico.

As actuacións que se van a acometer no centro de saúde de Cabanas, e que teñen por obxecto ofrecer o mellor servizo posible aos seus usuarios, comprenderán fundamentalmente a reparación da cuberta. Tamén se contempla a substitución de canles e baixantes da cuberta, a limpeza da fachada, a renovación da tubaxe principal de saída da caldeira e o saneado e pavimentación do aparcamento e acceso ao centro de saúde en toda a súa superficie, entre outras.

O prazo estimado para a realización das obras de reforma do centro de saúde de Cabanas é de tres meses, unha vez adxudicado o proxecto e asinada a acta de comprobación de replanteo.

O centro de saúde de Cabanas comprende unha poboación de 2.367 tarxetas sanitarias. No que vai de ano 2018, realizáronse un total de 6.813 consultas de especialista de Medicina Familiar e Comunitaria; 3.389 actos de Enfermaría; e 212 da matrona.

12 de xullo de 2018 | 14:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.