publicidade hoxe

Ovidio Rodeiro informa da apertura do prazo para solicitar as axudas para emprendemento colectivo ata o 1 de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAmesLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Coruña visitou, esta mañá, a cooperativa Ozono Multimedia SLL, ubicada no Concello de Ames. Esta empresa foi creada en 2002, ten 7 socios e adícase ao desenvolvemento de software, SAT e consultoría.

É unha empresa de desenvolvemento de software, SAT e consultoría que desde 2002 desenvolve webs, app, sitios e-commerce e software especializado. Desenvolve software opensouce desde a base ou en código fonte xa desenvolvido.

Un dos aspectos salientables na actividade empresarial vinculada con i+D+i é a creación de produtos verticais de xestión empresarial e servizos saas. A característica máis salientable do proxecto empresarial é a oferta de servizos expertos de alto valor engadido e a súa destacada calidade.

Ovidio Rodeiro destacou que esta cooperativa foi beneficiada cunha das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria do Programa Aprol que teñen como obxecto fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e apoiar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento colectivo en empresas de economía social. A Xunta apoiou a esta empresa para a incorporación de dous novos socios.

O representante do goberno galego destacou que as persoas interesadas en beneficiarse destas axudas teñen de prazo ata o 1 de outubro deste ano para presentar a súa solicitude. Asimesmo, recordou que esta orde partiu cunha achega económica de 1,8 millóns para os dous programas dos que conta cunha axuda e que o pasado 18 de xuño publicouse unha ampliación da dotación orzamentaria para a concesión destas axudas de 350.000 euros. O periodo de execucións das accións será ata o 16 de novembro de 2018.

O representante do goberno autonómico explicou que este programa ten dúas liñas de axuda diferenciadas:

Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais Este programa ten por obxecto establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou en proba.

Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia. Dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que se debe desembolsar para a incorporación como socio ou socia.

Con estes dos programas incentívanse, dun lado, ás cooperativas e as sociedades laborais para que incorporen a novos socios con axudas de ata 15.000 euros por cada persoa incorporada, sendo o máximo por entidade de 67.500 euros. Doutra banda, apóiase ás persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos que máis o necesitan, para que se incorporen ás cooperativas e sociedades laborais, financiando a achega ao capital social obrigatorio e cotas de ingreso con ata 15.000 euros.

A estas axudas tamén poden acollerse as persoas que inician unha actividade por conta propia e incorpóranse a unha cooperativa para a comercialización ou obtención de servizos.

Este programa inclúe novidades con respecto ao ano pasado: amplíase o prazo de solicitude dos apoios, ata o 1 de outubro (o pasado ano o prazo foi dun mes); e as axudas aumentarán nun 25% para as persoas maiores de 45 anos e para os emigrantes retornados.

Esta actuación contribúe a impulsar a economía social e a súa competitividade e a fomentar o autoemprego en Galicia, un dos retos principais da Axenda 20, coa que o Goberno autonómico está a impulsar o emprego estable na Comunidade. A iniciativa forma parte tamén da Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, a través da que en 2018 investiranse máis de 17 millóns de euros para impulsar a economía social, o que supón un 6,4% máis que este ano.

10 de xullo de 2018 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.