publicidade hoxe

O Instituto Europeo de Itinerarios Culturais interésase polo estudo do impacto socieconómico do Camiño de Santiago

Nava Castro na reunión con Stefano Dominioni

Nava Castro na reunión con Stefano Dominioni

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse esta semana en Santiago de Compostela co máximo responsable do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Stefano Dominioni, quen felicitou a Galicia polo seu modelo de xestión ao redor da ruta xacobea e que considera trasladable a outros itinerarios culturais. Neste sentido, interesouse especialmente polo Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago realizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) a iniciativa da Xunta de Galicia como parte dos compromisos recollidos no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago e cuxos resultados lle foron expostos.

O informe revela a repercusión que a ruta xacobea está a ter nas economías dos concellos do rural galego, no emprego, nas tendencias demográficas e noutros aspectos sociais, culturais e medioambientais. Tamén constata que a súa capacidade de acollida é superior á actual e afonda na súa influencia na afiliación á Seguridade Social, o PIB ou ao censo de poboación. Trátase dun eficaz documento que prové de información precisa ás administración públicas e aos axentes do sector privado para facilitar a toma de decisións.

Así o considera Stefano Dominioni, quen convidou a Galicia a presentar estes resultados en diferentes foros do Instituto e ante representantes doutros itinerarios culturais como exemplo de boas prácticas. A xuntanza, na que tamén participaron a Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e persoal técnico de Turismo de Galicia, tamén serviu de punto de encontro para reforzar colaboracións. Dominioni coñeceu o sistema de acollida a peregrinos a través da Rede Pública de Albergues e aceptou a posibilidade de que Galicia e o Camiño de Santiago teñan un papel máis activo no Instituto Europeo. Tamén se sentaron as bases de cooperación de cara ao Xacobeo 2021.

A estadía de Stefano Dominioni na Comunidade galega enmárcase nas XI Leccións Xacobeas Internacionais na Universidade de Santiago, o curso de verán que se celebrou durante esta semana en Santiago de Compostela co apoio de Turismo de Galicia.

20 de xullo de 2018 | 14:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.