publicidade hoxe

O DOG publica a resolución pola que se convoca o concurso público para a adxudicación de 41 novas oficinas de farmacia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que convoca o concurso público para a adxudicación das 41 novas oficinas de farmacia recollidas no Decreto 127/2017 do mapa farmacéutico de Galicia. Os aspirantes terán 20 días hábiles para presentar as súas solicitudes, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria que, por primeira vez, resolverase con posterioridade nun acto público que reducirá os tempos para as adxudicacións.

O baremo de méritos para a adxudicación das novas oficinas de farmacias é froito da reforma do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia, que aprobou o Consello da Xunta o pasado 14 de xuño. Un dos obxectivos desta reforma é o de garantir uns criterios obxectivos de selección para que o perfil dos adxudicatarios finais sexa acorde á experiencia necesaria para o desempeño profesional na titularidade dunha oficina de farmacia. De aí que nesta nova baremación a experiencia profesional pase a constituír o criterio de maior peso a efectos de valoración, pasando dun máximo de 30 (conforme ao baremo anterior) a un máximo de 60 puntos.

A resolución recolle o baremo específico de méritos para a adxudicación das novas oficinas de farmacia. Está integrado por sete epígrafes relativos a méritos académicos (estudos de licenciatura e os de posgrao), polos que os aspirantes poden acadar ata un máximo de 15 puntos; experiencia profesional (exercicio relacionado coa dispensación de medicamentos en oficinas de farmacia, exercicio relacionado con outros servizos farmacéuticos, na Administración pública e exercicio como docente) ata un máximo de 60 puntos; a formación complementaria (actividades formativas en calidade de discentes, títulos propios da universidade de polo menos 25 créditos, grado en óptica-optometría e dietista-nutricionista e outros títulos ou diplomas oficiais en óptica, acústica y audiometría e ortopedia), ata un máximo de 10 puntos; publicacións (en revistas científicas, libros ou capítulos de libros) ata un máximo de catro puntos; coñecemento do idioma galego, ata un máximo de cinco puntos; discapacidade ata un máximo de cinco puntos; e por último, o fomento e a creación de emprego, no que os aspirantes poden acadar ata un punto máis.

Poderán participar neste concurso as persoas licenciadas ou graduadas en farmacia, aínda que aquelas que sexan titulares ou cotitulares de oficinas de farmacia, non poderán ser adxudicatarias dunha nova oficina na mesma zona farmacéutica na que estea instalada a súa.

Procedemento de adxudicación

A posterior adxudicación das novas oficinas de farmacia seguirá un procedemento moito máis áxil que os anteriores. Iniciarase coa convocatoria a un acto público único coas debidas garantías ao que están chamados a concorrer todos os participantes, e no que cada un deles presentarase a todas as oficinas convocadas. Deste xeito redúcese o tempo de elección ao propio día do acto. O procedemento polo que se rexeu o último concurso podía prolongarse durante meses pois cada solicitante tiña que pedir as prazas que quería e despois adxudicábanse cunha tramitación moi laboriosa.

O decreto do mapa farmacéutico forma parte dos traballos de actualización da normativa vixente en materia de ordenación e planificación farmacéutica, na que tamén están enmarcados a reforma do decreto sobre sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia aprobado no mes de xuño e o anteproxecto de lei de ordenación farmacéutica.

6 de xullo de 2018 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.