publicidade hoxe

O ‘Atardecer no Gaiás’ desta semana arranca con Nathy Peluso

Atardecer no Gaiás —o ciclo de concertos ao solpor e de balde durante o verán da Cidade da Cultura de Galicia— arranca mañá xoves, día 19, coa carismática Nathy Peluso, arxentina afincada en España que, cos seus 22 anos, está a triunfar cun estilo propio sen medo aos lindes, o que lle permite saltar —e con solvencia— do jazz ao trap ou da salsa ou soul, converténdose na gran revelación na música latinoamericana cunha aposta musical moi persoal e de vangarda.

Se hai algo que fía o abano ecléctico de repertorios desta artista poliédrica é a paixón e a coraxe que lle imprime a todas as súas interpretacións, sexa cal sexa o rexistro. En todos eles, a música de raíz latina tamén é un sinal de identidade recoñecible, que Nathy Peluso admite e defende ao situar sempre entre os seus referentes a Gloria Estefan ou Thalía, nunha listaxe onde nunca faltan Sinatra, Whitney Houston ou Ella Fitzgerald.

A Atardecer no Gaiás trae o seu ultimo traballo, La sandunguera, un conxunto de cancións elaboradas e sofisticadas, no que a música urbana e o seu espontáneo flow non son máis que un reclamo para captar a atención e, a partir de aí, despregar trazos de blues, hip hop, salsa, R& B, jazz, ou soul; xéneros que poderían parecer afastados da contemporaneidade que transpiran as súas cancións, pero que en realidade son os que conforman o seu ecléctico e particular estilo.

La sandunguera ten como filosofía o “aquí e agora” e reflicte a máxima de Nathy Peluso de procurar converter o clásico en moderno e dotar de sensualidade os actos máis desapaixonados, tal e como seguro demostrará no Escenario Alhambra da Praza Central da Cidade da Cultura, no que non faltarán temas como o que dá título ao EP ou ‘Gimme some pizza’ ou ‘Corashe’, que ten todos os ingredientes para se converter en himno feminista.

Sesión DJ

A presenza de Nathy Peluso no primeiro Atardecer no Gaiás desta semana garante converter a Praza Central da Cidade da Cultura nunha gran pista de baile, que terá continuidade coa sesión de Dj, tras o concerto, a cargo de Yuraq Walla. Para facilitar que se poida gozar desta pinchada musical, o último autobús urbano de baixada da Cidade da Cultura ao centro de Santiago de Compostela será ás 00.30 horas.

Ademais, este xoves, ao rematar o concerto de Nathy Peluso, arranca a andaina nocturna da actividade Camiño ao Gaiás para descubrir o patrimonio natural, arquitectónico e histórico de Compostela, a través da ruta que une a Cidade da Cultura co casco vello. Deste xeito, a xente que participa nesta sesión —para a que están todas as prazas cubertas— pode achegarse antes ao concerto para fialo, a continuación, con esta actividade relaxada e á noitiña.

Música intimista e nihilismo entusiasta en galego

Os solpores da Cidade da Cultura volverán ser musicados o venres por Yellow Belly & David Vázquez, naturais de Brighton e A Coruña, respectivamente. Estes dous artistas únense polo gusto compartido polos sons experimentais, entre o pop e a electrónica. Intérprete e compositor crearán na Praza Central do Gaiás atmosferas intimistas e cinematográficas.

O peche desta semana de Atardecer no Gaiás virá da man da banda emerxente Oh! Ayatollah. O pop en galego desta formación baséase en letras crúas, mais non escuras, que garanten baile e retrousos en coro por parte do público asistente con temas que teñen a merecida etiqueta de ‘nihilismo entusiasta’. Na Praza Central demostrará por que se está a converter en indispensable en calquera cartel de festivais deste verán, tamén no do Gaiás.

Estes tres concertos forman parte das 21 actuacións do programa de Atardecer no Gaiás 2018, unha edición que este ano se caracteriza —ademais de por unha maior presenza das músicas urbanas— pola aposta por voces femininas e que conta coa colaboración do Inaem e patrocinio de Cervezas Alhambra e de A Cantina do Gaiás, no caso das sesións con Dj.

18 de xullo de 2018 | 14:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.