publicidade hoxe

Nace o I Premio de Novela ‘Camiño de Santiago’

Valentín García na presentación do I Premio de Novela ‘Camiño de Santiago’

Valentín García na presentación do I Premio de Novela ‘Camiño de Santiago’

A compostelá Libraría Couceiro acolleu este mediodía a presentación do I Premio de Novela Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea en colaboración coa Consellería de Cultura, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, e co patrocinio de Naturgy. Nela participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente e o secretario da Academia Xacobea, Xesús Palmou e Ulises Bértolo, respectivamente; o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o delegado de Naturgy en Galicia, Manuel Fernández Pellicer.

Valentín García mostrou a súa satisfacción polo feito de “que sigan aparecendo novos premios literarios que lles dean aos escritores en lingua galega a oportunidade de dar a coñecer o seu traballo e a súa valía”. O secretario xeral de Política Lingüística incidiu ademais no feito de que este premio “contribuirá tamén a que a cidadanía se achegue doutro xeito ao Camiño de Santiago e quizais a que algúns lectores que non poden percorrelo agora fisicamente ou nunca pensaran en facelo o transiten desde as súas casas, a través das páxinas do libro que resulte premiado, quizais rememorando a peregrinación real que fixeron algún día, quizais sentindo nacer o desexo de facela cos seus propios pés, tal é o poder dun relato ben contado”.

Narrativa centrada no Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago deberá ser o tema referencial das novelas, relatos ou conxuntos de relatos que se presenten a este premio. A histórica vía deberá estar presente de maneira notoria na narración, na súa vertente física, histórica, cultural, social ou imaxinaria.

Ao certame poderán concorrer ata o vindeiro 30 de outubro orixinais en galego e castelán non premiados previamente e que teñan unha extensión mínima de 200 páxinas. A obra gañadora recibirá 6.000 euros e a publicación pola Editorial Galaxia, tanto en galego (no selo Galaxia), coma e castelán (no selo Mar Maior). Haberá tamén un accésit sen dotación económica para a mellor obra literaria redactada no idioma que non obteña o primeiro premio.

A decisión do xurado darase a coñecer nun acto público no Hostal dos Reis Católicos en decembro de 2018.

17 de xullo de 2018 | 14:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.