publicidade hoxe

Miranda anima aos 70 participantes no programa “Escolas Abertas 2018” a espremer a cultura galega para exportala ao resto do mundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, invitou esta mañá os 70 participantes no programa “Escolas Abertas 2018” a espremer todos os coñecementos sobre a cultura e a realidade galega que poidan adquirir durante a súa estadía en Galicia para logo poder exportalos aos seus países de destino.

Miranda quixo dar a benvida aos formadores procedentes da Arxentina, Cuba, O Uruguai, Venezuela, O Brasil, Chile, España, os Estados Unidos de América, México e Suíza nas súas primeiras horas no Centro Residencial Docente da cidade das termas, onde se impartirán as clases nas diferentes materias relacionadas con Galicia e onde onte deu inicio o programa lectivo. O responsable autonómico estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, quen xa participara en ocasións anteriores nesta proposta do Goberno galego.

“Estades aquí para aproveitar ao máximo esta oportunidade que vos brinda Galicia. Esta, a vosa terra, invítavos a coñecela por dentro e desde dentro, a descubrir os seus segredos, a volver a ela para que a vexades cambiar, para que non esquezades nunca que a tradición, lonxe de estar rifada co progreso, forma parte del. E vós sodes as mellores testemuñas desta realidade”, sinalou o secretario xeral da Emigración.

Espallar a cultura galega

O programa, convocado todos os anos pola Secretaría Xeral da Emigración, permite a formadoras e formadores das distintas comunidades galegas do mundo que melloren a súa capacitación a través do reforzo e actualización dos seus coñecementos sobre diferentes materias. Mediante as actividades previstas, estas e estes formadores incrementan a súa capacidade para espallar a cultura da terra de Breogán, especialmente entre as segundas xeracións da diáspora, que supoñen o 70% dos galegos no exterior.

Os alumnos, pola súa banda, aproveitaron para agradecer a Miranda e a Secretaría Xeral da Emigración a oportunidade de fortalecer os seus vínculos con Galicia, que xa refrescan día a día a través do seu labor como docentes ou formadores de disciplinas ligadas íntimamente á comunidade, á sua historia e á súa xente.

Aos obradoiros que tradicionalmente se imparten nas “Escolas Abertas”, de gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego (especialidades demandadas polas propias comunidades galegas), este ano súmase o de “Habilidades directivas”, que pretende axudar a actuais directivos das entidades a reforzar aspectos fundamentais á hora de asumir a xestión de comunidades galegas no exterior.

11 de xullo de 2018 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.