publicidade hoxe

Marín disporá da nova senda peonil entre Vilaseca e Lapamán o vindeiro verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMarínPontevedraPortada dereita
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe en Marín que o vindeiro verán os veciños e turistas disporán xa da nova senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, facilitando os seus desprazamentos cotiás.

Deste xeito, Vázquez Mourelle, xunto coa alcaldesa, María Ramallo, anunciou a licitación hoxe das obras de execución da nova senda na estrada PO-551, que une Marín con Rande, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e na que o departamento que dirixe investirá preto de 790.000 euros, contando as expropiacións das 44 fincas necesarias para a súa execución.

Explicou que o novo itinerario Vilaseca – Lapamán, de uso peonil e para ciclistas non deportivos, terá unha lonxitude aproximada de 1,5 km e chega ata o límite do termo municipal de Bueu. A mesma, construirase pola marxe dereita da estrada autonómica, en formigón coloreado, para que sexa facilmente visible por todos os usuarios, e tamén por parte dos condutores.

A conselleira detallou que no treito da senda que atravesa un pequeno rego executarase unha pasarela de madeira, que irá ancorada á estrutura da ponte existente, garantindo así a continuidade da senda. Ademais, engadiu, construiranse muros de contención para gañar espazo para a senda e habilitarase unha banda de aparcadoiro en liña nas proximidades da praia de Lapamán, dunhas 35 prazas, facilitando o estacionamento na zona aos veciños.

A titular de Infraestruturas sinalou que ao proceso de contratación das obras iniciado hoxe, para o que as empresas dispoñen ata o 30 de xullo para presentar ofertas, seguirá nos vindeiros meses a tramitación administrativa necesaria para comezar as obras a principios de 2019 e telas rematadas a mediados de ano.

Segundo dixo o obxectivo do seu departamento e que este novo itinerario, incluído no Plan de Sendas do Morrazo, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), estea ao servizo de veciños e turistas xa no próximo verán, posto que contan cun prazo de execución de 6 meses.

Adiantou ademais que á senda Vilaseca – Lapamán, cuxas obras se licitaron hoxe, terá continuidade co proxecto que se está a desenvolver na PO-551, xa en Bueu, para a eliminación do Treito de Concentración de Accidentes. Trátase da execución dun treito de senda para dar acceso á praia de Lapamán.

Intervencións, subliñou, ás que hai que engadir, as actuacións que está a executar o seu departamento encamiñadas ao reforzos de firme e que se están a levar a cabo en varias estradas autonómicas.

Plan de Sendas de Galicia

Ethel Vázquez indicou que con esta nova senda, xunto á que o seu departamento ten previsto executar na mesma estrada PO-551, entre Bagüín e Seixo, se dará tamén continuidade aos treitos de beirarrúas existentes e permitirá que os veciños dispoñan dun itinerario a pé que percorrerá Marín ao completo pola costa.

Anticipou que a estes itinerarios virán a sumarse outras 2 sendas nas que tamén está avanzando o departamento que dirixe na estrada que vai a Moaña. E adiantou que este mesmo mes de xullo se contará co proxecto construtivo do treito Coirados-Pardavila e co documento de información pública do itinerario entre Pardavila e Cadro.

A conselleira remarcou que todas estas actuación se enmarcan no Plan de Sendas de Galicia, que para a comarca do Morrazo prevé a execución de 10 Km de sendas seguras sostibles e integradas na paisaxe, e un investimento próximo aos 3 millóns de euros.

Outras actuación para incrementar a seguridade viaria

Vázquez Mourelle referiu ademais que estes proxectos non son os únicos que ten en marcha o departamento que dirixe para incrementar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade dos veciños de Marín.

Neste senso tamén lembrou o convenio asinado en marzo co Concello de Marín para a humanización da rúa Concepción Arenal. Traballos, dixo, que executará o concello pero aos que desde a Xunta se achegarán 1,3 millóns de euros, o 80% do total. Unha actuación integral para facer esta rúa máis cómoda, máis segura e máis humana. E tamén falou das intervencións encamiñadas ao reforzos de firme que se levan a cabo en varias estradas autonómicas,

En definitiva, resumiu, distintas intervencións en Marín que no seu conxunto suporán un investimento do seu departamento superior aos 3 millóns de euros, destinados a que veciños e turistas poidan ter unha mobilidade máis segura e respectuosa co medio. E ademais, engadiu, máis saudable e incluso máis apetecible, principalmente na primavera e no verán.

2 de xullo de 2018 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.