publicidade hoxe

Lucía Pérez abre este xoves a carteleira de 11 actuacións que o ciclo ‘Cultura no Camiño’ ofrece en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+

A sexta edición do ciclo Cultura no Camiño, promovido pola Xunta de Galicia, chega este verán a Ourense cunha carteleira de 11 actuacións de música e teatro, que abre este xoves día 5 a cantante Lucía Pérez co concerto que ofrecerá ás 22,30 h. na praza de San Martiño. O ourensán é un dos 103 concellos das rutas xacobeas que colaboran neste programa, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia co patrocinio de Gadis, que desenvolverá 342 citas culturais ata finais de setembro.

Cunha dilatada carreira musical e en televisión, a eurovisiva Lucía Pérez celebra os seus 15 anos de traxectoria co seu sétimo traballo discográfico, Quince Soles, que presentará en directo en Ourense. Trátase do seu primeiro disco gravado integramente en galego, para o que contou con colaboracións de coñecidos artistas, como Chenoa, Rosa Cedrón ou Tonhito de Poi.

Ao longo do verán, a capital ourensá será escenario doutros nove concertos, así como da representación do espectáculo teatral Go On!, da compañía Malasombra Producións o xoves 12 de xullo, ás 22,30 h.

En canto ás actuacións musicais, Cultura no Camiño presentará na praza de San Martiño os directos de De Vacas (19 de xullo), Happy Gospel (26 de xullo), Fanfarria Taquikardia (2 de agosto), A Banda da Loba (9 de agosto), Trío Siboney (16 de agosto), Coanhadeira (23 de agosto), Caxade (30 de agosto), Guezos (6 de setembro) e MCarballo (13 de setembro). Os concertos de xullo e agosto están programados para as 22,30 h., mentres que os dous de setembro terán lugar ás 22,00 h.

Produción 100% galega

A Xunta organiza este ciclo por sexto ano consecutivo, mantendo como obxectivo enriquecer e descentralizar a oferta cultural galega, así como dinamizar a contratación dos espectáculos de teatro, música, maxia, novo circo e danza producidos en Galicia de xeito profesional.

A edición de 2018, que arrancou a mediados do pasado mes de abril, prolongaranse ata o 30 de setembro, coincidindo co período de maior auxe das peregrinacións e contribuíndo tamén a intensificar o programa turístico dos concellos participantes, todos eles situados nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia.

O calendario de actuacións está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic, así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia.

2 de xullo de 2018 | 14:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.