publicidade hoxe

Francisco Conde anuncia a primeira convocatoria para identificar os Hubs de Innovación Dixital que Galicia quere impulsar

Intervención de Francisco Conde

Intervención de Francisco Conde

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a Xunta vai impulsar a posta en marcha de Hubs de Innovación Dixital como punto de encontro entre a empresa, a investigación e o financiamento. Así, avanzou, nunha xornada celebrada en Santiago de Compostela, que despois do verán se realizará a primeira convocatoria, baixo concorrencia competitiva, para identificar os Hubs que todos os axentes do sistema innovador queren impulsar en Galicia.

A través da fórmula dos Hubs de Innovación Dixital, a Administración autonómica busca cohesionar a todos os axentes en torno a sectores estratéxicos, para incentivar a colaboración entre eles e que iso dea lugar a novos proxectos conxuntos, de carácter novidoso e con capacidade para posicionar a innovación galega en Europa.

O obxectivo é que centros de coñecemento e empresas poidan desenvolver unha estratexia de colaboración firme, buscar os socios axeitados, establecer canles de comunicación, aliñar procesos e responder de forma flexible ás demandas do mercado e da sociedade. Así, os Hubs permitirán un mellor rendemento de todas as capacidades do sistema de innovación galego, facilitando o acceso das empresas ás oportunidades existentes no sector tecnolóxico. Neste sentido, o conselleiro sinalou que a Xunta xa mantivo encontros con 65 axentes de todo o ecosistema de innovación galego para avanzar no desenvolvemento dos Hubs.

Conde, que participou nun encontro sobre estratexias de apoio á Industria 4.0, incidiu na importancia da innovación colaborativa, converxendo empresas, centros de coñecemento e Administración, para impulsar a I+D+i e potenciar o desenvolvemento da nova revolución industrial. Sinalou neste sentido que a cooperación entre todos os axentes é a mellor fórmula para activar todos os resortes que compoñen o ecosistema de innovación, e aliñalos coas necesidades do tecido produtivo.

O reto é que a industria se sume á dinámica do descubrimento, que move o traballo dos centros tecnolóxicos e de innovación. Ese é precisamente o obxectivo do Plan Galicia Innova 2020, cun investimento público-privado de 1775 millóns de euros, para propiciar esa conexión entre o ámbito científico-tecnolóxico e a empresa.

Esta nova folla de ruta permitirá seguir fomentando o esforzo compartido que ten permitido que Galicia estea incrementando o gasto en I+D per cápita, o persoal contratado e o número de investigadores por cada 1000 ocupados. Ademais, a comunidade estase consolidando como a sexta en solicitudes de patentes.

Estes datos deixan de manifesto que a innovación e a tecnoloxía se atopan nun punto de inflexión sen precedentes que desembocará nun aumento da produtividade e nun maior crecemento económico. Apuntou Conde que a Industria 4.0 obriga ás empresas a pensar en como os mundos offline e online traballan xuntos na práctica, subliñando que o primeiro obxectivo dos hubs será precisamente axudar as empresas a integrar ese mundo online a través de proxectos de innovación punteiros.

16 de xullo de 2018 | 14:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.