publicidade hoxe

Cultura informa sobre o fondo de garantía financeira do programa Europa Creativa para o apoio de proxectos culturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Xornada sobre o fondo de garantía financeira

Xornada sobre o fondo de garantía financeira

O Fondo de Garantía do Programa Europa Creativa é unha iniciativa da Comisión Europea e do Fondo Europeo de Investimentos orientada a estimular ás organizacións financeiras na concesión de créditos, préstamos e avais para o desenvolvemento de iniciativas do sector cultural e creativo, sobre todo das PEMES, que son as que presentan máis dificultades para acceder a este tipo de axudas.

Co obxectivo de dar a coñecer este fondo, o seu funcionamento e o seu proceso de solicitude, a Secretaría Xeral de Cultura, en colaboración coa oficina Europa Creativa España, organizou esta xornada informativa, que conta coa participación de CREA SGR, principal Sociedade de Garantía Recíproca especializada no sector cultural e creativo; da Oficina MEDIA España, que informa e asesora sobre oportunidades de financiamento para proxectos audiovisuais dentro do subprograma MEDIA; e a produtora Ladybug Films como caso de boas prácticas.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o director da AGADIC, Jacobo Sutil e a responsable da oficina Europa Creativa España, Grial Ibáñez, saudaron aos participantes ao comezo da iniciativa formativa e destacaron a utilidade deste “mecanismo que actúa como instrumento de garantía para os intermediarios que ofrecen financiamento aos sectores cultural e creativo” xa que, segundo indicaron, “teñen unhas características e necesidades propias e diferenciadas”.

Instrumento de garantía dos sectores cultural e creativo

Este instrumento de garantía nace para beneficiar ás pequenas e medianas empresas dos sectores cultural e creativo dos países participantes no devandito programa. As actividades destes sectores inclúen a creación, produción, difusión e conservación de produtos e servizos que acheguen expresións culturais ou artísticas. Son actividades como a arquitectura, os arquivos e as bibliotecas, a artesanía, os audiovisuais (cinema, televisión, videoxogos e multimedia), o patrimonio cultural, o deseño, os festivais, a música, as artes escénicas e visuais, a edición ou a radio.

A Secretaría Xeral de Cultura ofrece un servizo de información e asesoramento sobre as políticas europeas e as súas fontes de financiamento para proxectos culturais, a través do contacto directo e continuo coas oficinas de programas como Europa Creativa, deseñado de xeito específico para o ámbito cultural e outros, como Europa cos Cidadáns ou o Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, POCTEP.

12 de xullo de 2018 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.