publicidade hoxe

Comercio con Talento premia o establecemento coruñés Despensa 77

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe á tenda coruñesa de produtos ecolóxicos a granel Despensa 77 un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa coa que a Xunta pretende impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado de formación profesional.

Con esta acción, na que participou alumnado de ciclos formativos relacionados co comercio de toda Galicia, búscase impulsar a participación e o contacto dos estudantes coa realidade do sector, complementando a súa formación; potenciar a innovación, o emprendemento e a incorporación do talento á actividade comercial de proximidade, así como ás pemes deste sector; e incrementar o coñecemento das novas tendencias do comercio, especialmente das novas tecnoloxías.

Para participar no concurso, o alumnado estudou o comercio da súa comarca para, finalmente, seleccionar un negocio de acordo a criterios como o espazo físico, a xestión, o produto ou a atención ao cliente. Posteriormente, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio elixido.

Un xurado especializado escolleu os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de cinco para ser escollidos no Facebook do Portal do Comerciante, polo que un dos 10 premios decídese polo número de “me gusta” recibidos. Os autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad wifi 32GB.

No caso de Despensa 77, foi proposto por Samuel Rey Corral, alumno do curso medio de Actividades Comerciais no IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña. No seu proxecto destaca que este negocio, que aposta polo consumo sustentable, fai divulgación informativa e formativa a través de redes sociais, páxina web e publicación, así como directamente na tenda e a través de talleres monográficos sobre alimentos. Tamén apoia os pequenos produtores e agricultores, priorizando a calidade e os produtos de proximidade.

11 de xullo de 2018 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.