publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta promove as capacidades e o talento musical da mocidade nun campamento xuvenil no albergue Lug2

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, estivo esta mañá coas persoas participantes no campamento ‘O Musical’ que se desenvolve no albergue Lug2. Esta actividade, que oferta 40 prazas para mozos e mozas nados nos anos 2003 e 2004, enmárcase na Campaña de Verán 2018 da Xunta de Galicia.

Durante a súa visita, Cecilia Vázquez puido comprobar de primeira man o amplo abano de actividades que están a realizar os rapaces e rapazas que se reúnen neste campamento, centrado na expresión cultural con sesións de interpretación, teatro e masterclass musicais. Estas clases complétanse con escalada en rocha, sendeirismo, tiro con arco, xeocaching e piscina. O campamento, de oito días de duración, rematará na xornada de mañá venres.

A directora xeral salientou que, de novo, a Campaña de Verán da Xunta “volve ser un referente en España, ofrecendo á xente nova non só de Galicia senón tamén doutras rexións e mesmo do estranxeiro unha atractiva programación que converte a nosa comunidade nun destino preferente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro”. Nesta liña, engadiu que a oferta de verán que propón a Xunta ten como finalidade que “a mocidade desfrute participando en actividades de ocio e tamén formativas na procura de que o verán sexa un tempo para divertirse e tamén para o enriquecemento persoal”.

Os campamentos organizados nas instalacións xuvenís da Xunta para menores entre os 9 e os 17 anos de idade ofertan 6483 prazas nun total de 24 albergues e instalacións distribuídos por toda a xeografía galega. Dentro destes campamentos organízanse actividades de ocio educativo e de diferentes temáticas, como actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización e expresión cultural, xogos tradicionais ou deportes de multiaventura, entre outras.

Tamén se ofertan outras 315 prazas para que rapaces e rapazas galegos poidan participar en campamentos de intercambio con outras comunidades, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria. A xente nova destas rexións de España tamén poderán vir a Galicia para participar nos nosos campamentos. Así mesmo, e como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, resérvanse 230 prazas para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos.

Os campamentos de verán forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.

26 de xullo de 2018 | 14:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.