publicidade hoxe

A Xunta participa no debate sobre o cambio climático do Comité Europeo das Rexións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O Comité Europeo das Rexións debateu hoxe, na súa 130ª sesión plenaria, e pouco despois de que a UE presentase os seus obxectivos enerxéticos e climáticos para 2030, sobre cambio climático. Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, representou a Galicia neste debate que contou coa presenza do comisario de Acción polo Clima e Enerxía, Miguel Arias Cañete e dos dirixentes municipais de Bonn e Katowice, últimas cidades anfitrioas da conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático.

Na súa intervención o comisario Arias Cañete presentou os obxectivos climáticos globais da UE, así coma as implicacións dos obxectivos climáticos e enerxéticos revisados e a forma en que as institucións teñen previsto apoiar a acción polo clima dos entes locais e rexionais despois de 2020. En definitiva, o debate centrouse nas accións que a UE debe emprender para cumprir cos compromisos climáticos do Acordo de París, que deben conducir á neutralidade climática, e no papel crucial das rexións e cidades en tarefas como a descarbonización da industria.

Neste sentido, e no marco do dictame “Cara a consecución dunha mobilidade de baixas emisións” liderado polo holandés Michiel Scheffer, a Xunta de Galicia defendeu e logrou incluír, a proposta da Consellería de Economía, Emprego e Industria, unha definición máis estrita de vehículos limpos, que contemple a eficiencia dos mesmos en canto ao consumo enerxético e non unicamente en canto ás súas emisións.

Austria toma o relevo no Consello

Os representantes das rexións europeas tamén tiveron a oportunidade de debater sobre as prioridades da presidencia austríaca do Consello da Unión Europea coa secretaria de Estado del Ministerio Federal del Interior de Austria, Karoline Edtstadler.

Baixo o lema “Unha Europa que protexe”, Austria asumiu o 1 de xullo a presidencia da UE para o segundo trimestre do ano con tres prioridades no horizonte: avanzar en materia de seguridade, migración e control de fronteiras; asegurar a prosperidade e competitividade da UE a través da economía dixital e traballar pola estabilidade da veciñanza europea, coas perspectivas de ampliación aos Balcáns occidentais e ao sudeste europeo en mente.

En total, nesta sesión plenaria analizáronse once ditames relativos á protección dos espazos públicos; aplicación da Axenda Urbana da UE; impulso de crecemento e a cohesión nas rexións fronteirizas da UE; promoción de dietas saudables e sostibles; prácticas comerciais desleais entre empresas do sector alimentario; reforma da unión económica e monetaria; condicións laborais; contratación pública e gobernanza climática.

O Comité Europeo das Rexións

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

5 de xullo de 2018 | 14:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.