publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta limpa os camiños á beira dos ríos Mandeo, Mendo e Deo no municipio de Curtis cun campo de traballo de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtisLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, visitou hoxe a grupo mozos e mozas entre os 18 e os 30 anos de idade que desde esta fin de semana e ata o vindeiro día 25 do presente mes participan no campo de traballo ‘Ríos de Curtis’. Son 8 os participantes nesta actividade medioambiental que se enmarca na Campaña de Verán 2018 da Consellería de Política Social.

Cecilia Vázquez explicou que os campistas ocúpanse da exploración das beiras dos río Curtis, centrándose no Mandeo, Mendo e Deo, así como algúns humidais do concello, coa intención de facer un inventario das súas marxes en canto a accesibilidade, limpeza e presenza de especies exóticas invasoras. Así, entre as tarefas que levan a cabo están a de limpar de refugallos os camiños á beira dos ríos e humidais, ademais de intervencións puntuais para eliminar especies exóticas invasoras.

Os participantes neste campo de traballo tamén empregan o seu tempo de ocio en visitar lugares de interese de Curtis e municipios próximos, en acudir á piscina municipal, en asistir a festas tradicionais e a eventos culturais ou deportivos que se celebran no municipio, en percorrer rutas de sendeirismo e en excursións á cidade de Lugo e a costa do Golfo Ártabro.

A directora xeral de Xuventude destacou a importancia dos campos de traballo como ferramenta de educación non formal, xa que “engloban experiencias de participación, de voluntariado”. Ao respecto, engadiu que “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade e, neste caso, o noso privilexiado contorno mediaoambiental”.

Nesta liña, apuntou que “tamén promoven a participación e implicación da xuventude, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal, ademais de fomentar a mobilidade, pois ofrecen aos mozos a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países e viceversa”.

A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo en Galicia pon a disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.

Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizan tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e labores propias da organización dun festival. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9780 prazas, 298 máis que na anterior edición.

A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.

16 de xullo de 2018 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.