publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investirá 95.000 euros en Piñor para mellorar o firme nas rúas de Lousado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPiñor
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio financiará o integramente as obras de mellora do firme nas rúas do lugar de Lousado, no concello ourensán de Piñor. Esta actuación executarase ao abeiro da orde de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, xunto co alcalde do municipio José Luís González, visitaron o núcleo de Lousado e coñeceron polo miúdo o proxecto no que o Goberno galego investirá 95.000 euros. Díaz Mouteira tamén estivo acompañada da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Victoria Núñez, e doutros técnicos do departamento dirixido por Beatriz Mato.

Trátase dunha actuación que se inscribe no programa de axudas da Xunta dirixido aos concellos orientado a contribuír á humanización das vilas e cidades galegas, co obxectivo de frear o despoboamento mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

Segundo as bases da convocatoria a Piñor, por seren un concello de menos de 5.000 habitantes, a achega autonómica que lle corresponde é do 100 por cento do proxecto.

As obras que se van executar ao abeiro desta subvención consistirá na mellora do firme que está bastante deteriorado polo paso do tempo e polo tránsito de tractores agrícolas de gran tonelaxe. Con elas preténdese mellorar as vías públicas municipais de Lousado e así contribuír a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. Proxéctase a substitución do pavimento, na maioría dos treitos, ou o barrido por medios mecánicos, de ser o caso, con arranque de raíces que provocan o levantamento do firme, limpeza de cunetas e un dobre rego asfáltico ou de formigón.

Díaz Mouteira afirmou que a Xunta traballa “polo desenvolvemento das vilas e dos núcleos de poboación con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das áreas rurais”.

18 de xullo de 2018 | 14:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.