publicidade hoxe

A Xunta incrementa o número de prazas e financia obras de mellora no centro de día e casa de familia San Aníbal de Burela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, realizou hoxe unha visita á casa de familia e ao centro de día San Aníbal da entidade Fillas do Divino Celo- Rogacionistas en Burela, un recurso destinado á atención de nenos, nenas e adolescentes, e nos que a Xunta -co cofinanciamento dos Fondos Feder- investiu preto de 50.000 euros destinados á realización de diferentes obras.

A atención de día é unha medida de prevención e alternativa ao internamento que permite que os nenos, nenas e adolescentes poidan seguir convivindo coas súas familias mentres que os equipos técnicos de menores elaboran un itinerario de actuación individualizado para cada un deles. Así, búscase que a situación de dificultade que fixo necesaria a intervención nese familia, desapareza ou diminúa o risco ao que estaban expostos os menores.

Desde o centro de día que visitou hoxe a directora xeral, ofrécese apoio e seguimento escolar, orientación socio-educativa, animación do tempo libre e conta con servizo de transporte para recoller e trasladar aos nenos e nenas ao seu domicilio se é preciso. A Xunta de Galicia reforzou en dúas prazas as 18 que existían neste centro para o que se achega un total de 317.691 euros neste 2018.

Así mesmo, investíronse 24.986 euros en melloras da instalación, en adquisición de equipamento e en novas tecnoloxías (como por exemplo, unha pizarra dixital entre outros dispositivos).

Por outra banda, a casa de familia é un fogar funcional onde un equipo de profesionais presta atención integral durante as 24 horas do día, velando pola súa educación, saúde física e psíquica e desenvolvemento harmónico da súa personalidade. Nos últimos anos, a maioría dos usuarios son adolescentes de 14 a 18 anos cos que tamén se traballa a autonomía e a emancipación.

A Xunta conta con oito prazas na casa da familia para as que destina neste 2018 un total de 163.045 euros. Ademais, investíronse 24.894 euros para a mellora das instalacións, a moblaxe de salas e para a adquisición dunha pizarra dixital para facilitar o traballo socio-educativo.

Estas melloras realizadas en ambos centros e que chegaron a preto de 50.000 euros estiveron cofinanciadas con Fondos Feder.

Durante a súa visita, Amparo González, destacou que, no 2018, a Xunta incrementou nun 13% -con respecto a 2017- a partida orzamentaria destinada a centros de protección de menores e atención á infancia, chegando aos 32,2 millóns de euros. Cómpre destacar que a partida específica para centros de protección de menores medrou nun 20%, o que reflicte unha clara aposta da Administración autonómica polo benestar dos nenos, nenas e adolescentes que máis o precisan.

Así mesmo, a titular do departamento autonómico informou de que nos vindeiros días publicarase unha nova orde de axudas dirixida ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para mellorar os recursos da rede galega de centros de protección de menores e que estará dotada con 625.000 euros.

18 de xullo de 2018 | 14:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.