publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta fomenta a mobilidade da xuventude a través do intercambio ‘Youth emotional map’ Cerceda-Escalquens

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cos participantes no intercambio xuvenil Youth emotional map Cerceda- Escalquens, que ata o 23 de xullo reúne en Galicia a 32 mozos e mozas de 13 a 16 anos de España e Francia.

Este intercambio xuvenil, promovido polo Concello de Cerceda e cun orzamento de 17.783 euros, é un dos 15 proxectos de mobilidade aprobados en Galicia na primeira quenda do ano 2018 do programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción. É socio do proxecto a localidade francesa Mairie Escalquens.

O proxecto nace coa vontade de favorecer a participación dun grupo de mozos e mozas europeas, de Cerceda e Escalquens, na vida municipal a través de ferramentas de coñecemento das súas localidades e a proposta de accións de intervención a nivel local. Os obxectivos do proxecto son: crear redes de traballo de xuventude nas que analicen e realicen un coñecemento, mapeo, das súas localidades (análise do patrimonio cultural local, equipamentos, espazos públicos, puntos de encontro para a xuventude); favorecer a identificación cultural e social da xuventude co seu territorio de referencia coa posta en valor do patrimonio cultural, de sensibilización co entorno medioambiental e de dinamización da cultura e lingua materna, así como o compromiso co desenvolvemento local dende a igualdade de oportunidades de todos e todas; desenvolver experiencias de traballo colaborativo que incidan na participación da xuventude nos procesos de toma de decisións a nivel local; e poñer en valor, a través dun mapa emocional, as localidades de Escalquens e de Cerceda, é dicir, facer Europa dende a posta en valor do local dende as aportacións e o traballo colaborativo dos máis novos.

Cecilia Vázquez sinalou que “a mobilidade dos mozos e mozas é importante para o seu desenvolvemento persoal e profesional, reforza a comprensión intercultural e contribúe a ampliar os seus horizontes”. “É un instrumento clave para fomentar o entendemento mutuo e a cooperación, xa que proporciona aos mozos e mozas coñecementos e capacidades útiles que poden axudarlles a adquirir unha comprensión xeral das diversas aptitudes fronte á vida e as distintas situacións coas que poden atoparse. Contribúe ademais a comprender a identidade e os valores europeos”, engadiu a titular do departamento autonómico.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado sinalou que “o programa Erasmus+ reflicte como Europa inverte nas persoas e mellora as súas vidas”. “O que comezou no ano 1987 como un modesto programa de mobilidade para estudantes de educación superior creceu e enriqueceu as vidas de máis de 9 millóns de participantes directos”, engadiu.

Na primeira quenda do 2018 do programa Erasmus+: Xuventude en Acción foron aprobados en Galicia un total de 15 proxectos promovidos por concellos, grupos informais de mozos e mozas e asociacións xuvenís cun orzamento total de 281.572 euros, sen prexuízo dos proxectos aprobados noutros países europeos e nos que organizacións e mozos e mozas galegos participan activamente.

A responsable autonómica apuntou que o fomento da mobilidade xuvenil é un dos eixes prioritarios das accións e programas da área de xuventude do goberno galego, destacando a importancia de seguir desenvolvendo e promovendo a cooperación de todos os axentes implicados (mozos e mozas, dirixentes do ámbito da xuventude e as organizacións xuvenís da Unión Europea e de fora da Unión Europea) para que a xuventude siga a ser un axente activo na construción dunha sociedade inclusiva, cohesionada e segura.

Programa Erasmus+. Xuventude en Acción

O programa europeo Erasmus+ para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014 – 2020, ten entre os seus obxectivos específicos mellorar o nivel de aptitudes e competencias dos mozos e mozas; promover a participación na vida democrática en Europa e no mercado de traballo; a cidadanía activa; o diálogo intercultural; a inclusión social e a solidariedade; posibilitar ás persoas que traballan no ámbito da xuventude e aos mozos e mozas maiores oportunidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe; potenciar a dimensión internacional das actividades xuvenís e o papel dos traballadores e organizacións no eido da xuventude como estruturas de apoio aos mozos e mozas.

O programa Erasmus+ fomenta a mobilidade dentro e fora dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural e tamén apoia a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas independentemente do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan.

O capítulo de Xuventude brinda apoio para que mozos e mozas adquiran habilidades esenciais para o seu desenvolvemento persoal e profesional mediante a educación non formal e informal e potencia o papel dos traballadores e das organización favorecendo a mobilidade e cooperación no ámbito da xuventude. Neste capítulo de xuventude, o programa estrutúrase en tres accións clave: mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe; cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas; e apoio ás reformas das políticas.

O programa Erasmus (acrónimo de European Region Action Scheme for the Mobility of University Students) baseouse nos intercambios pilotos de estudantes entre 1981 e 1987 e adoptouse oficialmente o 17 de xuño de 1987. Nese ano, 1987, o programa dirixiuse a estudantes de educación superior e dende entón ampliouse e agora ofrece oportunidades de formación profesional, educación de adultos, xuventude e deporte. E no ano 2014 creouse Erasmus+ que reúne nun so programa todas as iniciativas nos ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte (Erasmus, Leonardo da Vinci, Comenius, Grundtvig, Jean Monnet, Erasmus Mundus, Alfa, Edulink, Xuventude en Acción e Deporte)

O ámbito xeográfico do programa viuse ampliado de 11 países no ano 1987 (Alemaña, Bélxica, Dinamarca, España, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Países Baixos, Portugal e Reino Unido) a 33 na actualidade (os 28 estados membros da Unión Europea, máis Turquía, a antiga República Iuguslavia de Macedonia, Noruega, Islandia e Liechtenstein).

A Comisión Europea recoñece a experiencia e coñecementos adquiridos a través da educación non formal durante o desenvolvemento dos proxectos financiados por Erasmus+: Xuventude en Acción, mediante o certificado Youthpass.

Así mesmo, ao abeiro da Orde da do 26 de febreiro de 2015, da participación no programa Eramus+:Xuventude en Acción se deriva o dereito á expedición do certificado de educación non formal en materia de xuventude, certificado a través do que se lle da visibilidade á aprendizaxe non formal adquirida e se validan as competencias asumidas, contribuíndo así á mellora das posibilidades de emprego da mocidade galega.

17 de xullo de 2018 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.