publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta facilita a orientación laboral de xóvenes a través do proxecto Emprural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoCarralGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, desprazouse hoxe ata os concellos de Carral e de Arteixo para coñecer as iniciativas empresariais nas que están a realizar as súas prácticas formativas dúas mozas participantes no proxecto Emprural: mozos e mozas con proxecto impulsado desde a Consellería de Política Social. Trátase da explotación ovina Roberto Castelos Vázquez en Carral e a empresa de moda Rosas y Violetas, S.L. en Arteixo.

O proxecto Emprural ten como finalidade facilitar aos mozos e mozas a súa orientación profesional e futura inserción sociolaboral en comarcas locais, ofrecéndolle apoio e acompañamento profesionalizado no proceso de elaboración e materialización dos seus proxectos nos eidos profesional (emprego/empresa), persoal (motivación, habilidades sociais) e social (cooperación, voluntariado, reciprocidade).

A titular do departamento autonómico sinalou que “o proxecto Emprural tende pontes entre o sector laboral e os mozos e mozas e lles ofrece ferramentas para o desenvolvemento das súas capacidades e ampliación das súas oportunidades”. Ademais, engadiu, “empodéraos e os motiva para avanzar no seu itinerario persoal e profesional”. Os mozos e mozas son inestimables innovadores, axentes do desenvolvemento e do cambio. Por iso, resulta prioritario investir na nosa xuventude, ofrecerlle novas oportunidades, axudarlle a aproveitar esta novas oportunidades, a converterse en cidadáns activos e desenvolver unha carreira profesional de éxito.

Neste proxecto Emprural están a participar 62 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, en fase de finalización de estudos, desempregados ou en situación de abandono escolar. Dos 62 mozos e mozas participantes, 58 realizarán estadías formativas entre os meses de xullo a setembro en empresas de distintos sectores: gandeiro, vacún leiteiro, lácteo-queixeiro, ovino, canino, agrobótica, xenética, xardinería, cunicultura, equino, deseño de moda e comercio, entre outros.

Cecilia Vázquez apuntou que “ofrecer aos mozos e mozas a oportunidade de ampliar os seus horizontes axúdalles a ser máis autónomos e ter máis confianza en si mesmos. Na economía do coñecemento, contar con abano de capacidades e competencias é esencial. Investir nas capacidades dos nosos mozos e mozas contribúe a facilitar a transición desde a educación e a formación, ou desde o desemprego ou a inactividade, ao mercado laboral, previr o desemprego e soster a innovación e a competitividade”.

Proxecto Emprural

Trátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado cuxos principais obxectivos son: axudar aos mozos/as a coñecer e valorizar máis e mellor o territorio rural e descubrir as oportunidades que este lles ofrece no eido profesional e social; impulsar a aprendizaxe pola práctica, aplicando a metodoloxía da alternancia e a colaboración co tecido empresarial; prestar apoio e seguimento individualizado e/ou grupal aos proxectos de emprego/ empresa ou de carácter social xerados, garantindo a súa consolidación no territorio; fomentar a introdución da innovación no marco dos itinerarios de inserción sociolaboral, baseada fundamentalmente na aplicación das TIC na xestión empresarial, comercial e social; e promover a autonomía e o empoderamento da xuventude no rural, como actores sociais dos seus territorios para favorecer a súa promoción persoal e social, así coma a súa incorporación a redes de partenariado no territorio.

En canto ás actividades, o proxecto divídese en seis bloques. A primeira fase foi a inscrición e a formación de grupos de traballo, durante a primeira quincena do mes de marzo. A segunda “Safari de emprego nos territorios” cunha duración de tres meses, de abril a xuño. Con sesións dun día á semana, esta actividade constou de dúas partes: sesións teóricas de traballo en grupo nos centros de impartición, sitos en Carballo, Curtis e Melide, e sesións prácticas grupais e individuais, con saídas ao territorio e visitas a iniciativas empresariais locais de referencia.

A terceira actividade é a formación para a inserción, cunha duración de dous meses, de maio a xuño, adaptada ás necesidades do grupo. Inclúe formación básica sobre a xestión da actividade comercial e empresarial; e formación específica, á demanda dos participantes (loxística, comunicación, busca activa de emprego,..). As sesións baseáronse na metodoloxía do learning by doing (aprendizaxe pola práctica).

A formación na empresa é a cuarta actividade, que se desenvolverá entre os meses de xullo e setembro. Trátase de estadías de formación en empresas do sector de interese de cada participante, fomentando a aprendizaxe pola práctica e o contacto continuo coa realidade empresarial. As estadías por participante serán entre dúas e seis semanas.

Outra das actividades do proxecto é a titorización e seguimento individual. Dou comezo no mes de maio e desenvolverase durante toda a execución do proxecto (outubro). Simultaneamente ao longo da execución das outras fases do proxecto, daranse reunións individualizadas con cada participante para o seguimento do seu itinerario de inserción e a articulación de medidas adaptadas a cada caso.

A captura de proxectos será a actividade final, cunha duración dun mes (outubro). Trátase da fase de conclusións, na que os mozos e mozas terán de xeito individual: acadada experiencia laboral nos sectores de interese; identificados nichos de emprego no territorio; elaborado un plan de mellora da súa empregabilidade; identificadas as necesidades de formación que precisen; e, no seu caso, asinados contratos laborais ou lanzadas iniciativas profesionais.

Neste proxecto tres son as metodoloxías de intervención: safari, alternancia e mentoring. Safari en canto que no marco dos grupos de traballo deséñanse rutas para explorar recursos e descubrir necesidades e oportunidades que presenta o territorio, para capturar ideas e proxectos a desenvolver. Alternancia en canto que os mozos e mozas participan dunha aprendizaxe pola práctica, alternando estadías na empresa con períodos de traballo individual e colaborativo, atendendo ás súas necesidades no marco dun itinerario personalizado. E mentoring en canto se dá unha titorización e seguimento individualizado do itinerario de inserción laboral e social de cada participante.

17 de xullo de 2018 | 14:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.