publicidade hoxe

A Xunta estenderá as Casas Niño como recurso pioneiro de atención á infancia e de conciliación no ámbito rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLazaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Galicia, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe a casa niño As Pisadiñas, aberta desde o mes de maio no municipio ourensán de Laza, e salientou a importancia destes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais.

Esta nova infraestrutura, que atende a un total de 5 nenos e nenas en horario de 8:00 a 16:00 horas, é unha das nove que veñen de entrar en servizo na provincia de Ourense dentro da segunda convocatoria de axudas da Consellería de Política Social correspondente ao ano 2017.

Durante o percorrido polas instalacións que fixo acompañada do alcalde de Laza, José Ramón Barreal, e da xefa territorial de Política Social, María José Fernández, a máxima representante do Goberno galego en Ourense insistiu hoxe na importancia que teñen as Casas Niño para o fomento da conciliación nos concellos rurais e sinalou que a posta en marcha destes equipamentos é unha mostra da aposta da Xunta de Galicia porque nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades. Así, Díaz Mouteira salientou que ademais de atender gratuitamente ás necesidades de conciliación dos pais e nais que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes, as casas niño favorecen a equidade no acceso aos servizos por parte de todas as familias galegas, con independencia do lugar de residencia; impulsan o autoemprego e a economía social; contribúen á dinamización dos núcleos rurais e axudan á fixación de poboación no territorio.

Nova convocatoria

A delegada territorial apuntou que o Goberno galego seguirá estendendo as casas niño para crear unha rede máis ampla de recursos de conciliación no rural. Neste sentido Marisol Díaz avanzou que nestes momentos está en tramitación unha nova convocatoria de axudas, a terceira, para outorgar outras 15 subvencións para o desenvolvemento doutros tantos proxectos. No seu conxunto, entre as dúas primeiras convocatorias de 2016 e 2017 e a nova orde de axudas que sairá nos vindeiros meses, a Xunta investirá 6,1 millóns de euros para facer posible a entrada en servizo de 61 Casas Niño.
Na actualidade, Ourense é a provincia galega con máis recursos de atención á infancia e conciliación, xa que conta con 27 casas niño, das 46 existentes nas catro provincias galegas.

Esta medida forma parte das iniciativas que se contemplan no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que a Consellería de Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- ou o incremento das prazas sostidas con fondos públicos.

26 de xullo de 2018 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.