publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta colabora coas agrupacións de Protección Civil lucenses para reforzar a atención aos peregrinos do Camiño Francés da Ruta Xacobea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoSarria
A-
A+

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza colabora coas agrupacións de voluntarios de Protección Civil dos concellos de Portomarín, Palas de Rei, Monterroso e Sarria para reforzar a atención aos peregrinos que fan a ruta a Santiago do Camiño Francés.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presidiu o acto de sinatura deste convenio de colaboración que na nosa provincia suporá un investimento conxunto de preto de 31.600 euros do que se benefician estes catro concellos lucenses.

O Plan contribúe a reforzar a atención a través das agrupacións de voluntarios de Protección Civil, que colaboran na prevención, na seguridade e na axuda aos peregrinos, xa que estarán patrullando tramos nas horas de maior afluencia de camiñantes e dando asistencia cando así fose preciso.

Ademais o convenio contempla a colaboración na prevención, apoio e cobertura de grandes eventos e concentracións derivadas de actos que teñan que ver coas peregrinacións. Deste xeito, increméntase a seguridade e garántese unha rápida asistencia en caso de emerxencia.

Balseiro explicou que nesta ocasión a Xunta estende os efectos deste plan, xa que logo ata o momento só se poñía en marcha nos anos xacobeos, mentres que agora forma parte da estratexia que a Goberno galego desenvolve de xeito ordinario.

De xeito complementario Turismo de Galicia editou un folleto dirixido aos peregrinos no que aparecen os datos clave para que, se se produce algunha incidencia, saiban onde poden dirixirse e que teléfonos existen en cada lugar onde estean.

No acto estiveron presentes os presidentes das agrupacións de voluntarios de Protección Civil destes catro concellos e os alcaldes de Portomarín, Palas de Rei e Monterroso e o tenente de alcalde de Sarria.

24 de xullo de 2018 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.