publicidade hoxe

A Xunta asina convenios con asociacións LGTBI para promover a igualdade e os dereitos deste colectivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Susana López Abella na sinatura dos convenios

Susana López Abella na sinatura dos convenios

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou hoxe cinco convenios de colaboración coas asociacións LGTBI Nós Mesmas, Chrysallis Galicia, Arelas, A.L.A.S Coruña, e a Asociación Sex Point Casco.

O obxectivo destes acordos é apoiar estas organizacións e as actividades que desenvolven en promoción dos dereitos e intereses de persoas gays, lesbianas, transexuais, bisexuais ou intersexuais coa finalidade de sumar esforzos para combater calquera discriminación por razóns de orientación sexual.

A través do apoio da Xunta, as entidades desenvolverán distintas actuacións para avanzar na promoción da igualdade de oportunidades, da visibilidade e da sensibilización tales como campañas de información social, actividades de investigación, actuacións de asesoramento e información, ou elaboración de materiais didácticos.

A Administración autonómica firma estes acordos desde 2016. Ademais, en 2017 por primeira vez estableceuse nos orzamentos autonómica unha partida específicas para as asociacións LGTBI.

A Xunta mantén un firme compromiso co apoio e a defensa dos dereitos LGTBI. Cómpre recordar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cunha Lei -a 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia- que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI.

Ademais, o Goberno galego está actualmente ultimando o texto do decreto a través do que se creará o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, o que converterá a Galicia na terceira comunidade autónoma en contar cun órgano colexiado, consultivo e de participación social en materia de dereitos do colectivo LGTBI.

Puxéronse en marcha, tamén, outras medidas como a creación da Unidade de atención á transexualidade a persoas menores de idade dentro do Servizo Galego de Saúde; ou as campañas de sensibilización escolar para evitar a discriminación por orientación sexual.

17 de xullo de 2018 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.