publicidade hoxe

A Xunta aposta pola conciliación a través da mellora e adecuación dos recursos de atención á infancia dos concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia abrirá mañá o prazo de presentación de solicitudes para aqueles concellos galegos que conten cunha escola infantil (0-3 anos) ou un punto de atención á infancia (PAI) e precisen adecuar ou mellorar estes centros con novos equipamentos, servizos e/ ou material educativo. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que regula a concesión destas axudas, que forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN) que está a desenvolver o Goberno galego. Ademais, enmárcase no programa operativo FEDER Galicia para o período 2014-2020.

Así as cousas, ao abeiro desta convocatoria e baixo o réxime de concorrencia competitiva serán subvencionables tanto as obras menores de adecuación e mellora das devanditas infraestruturas como intervencións novas de mellora da accesibilidade ou que as doten de servizos necesarios.Tamén entran dentro desta convocatoria a adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior, así como de material didáctico e de xogo; e a dotación de conexión a internet e compra de dispositivos (ordenador, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo etc.) para a integración das novas tecnoloxías na aula. As axudas poderán financiar ata un 100% do investimento subvencionable.

Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente a solicitude. Así mesmo, a contía máxima por cada centro é de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e máis á integración das novas tecnoloxías na aula. O orzamento total da orde é de 712.000 euros e o prazo para presentar as solicitudes esténdese desde mañá mércores até o vindeiro 10 de agosto.

Ademais de mellorar os centros da rede galega de recursos para menores de 0 a 3 anos que xa veñen funcionando, o que repercutirá na mellora da calidade da atención recibida, con estas axudas facilitarase a posta en marcha inmediata de escolas e puntos de atención á infancia que estean unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia. Este é o terceiro ano consecutivo no que a Xunta habilita esta liña de financiamento á mellora das escolas e puntos de atención á infancia que dependen das corporacións locais.

10 de xullo de 2018 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.