publicidade hoxe

A Xunta apoia un ano máis a Festa do Polbo do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaO CarballiñoOurense
A-
A+
Presentación da Festa do Polbo do Carballiño

Presentación da Festa do Polbo do Carballiño

Turismo de Galicia apoia un ano máis a celebración e promoción da Festa do Polbo do Carballiño, unha das 4 festas de interese turístico nacional que teñen este recoñecemento na provincia de Ourense e que celebrará a súa LVI edición o segundo domingo do mes de agosto. Recentemente o departamento autonómico dirixido por Nava Castro asinou co Concello do Carballiño un convenio de colaboración para o fomento desta festividade. Esta colaboración concrétase na achega de 25.000 euros para o desenvolvemento de accións de apoio a esta festa.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación desta celebración, acompañada do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.

Díaz Mouteira puxo en valor a importancia desta festividade á que cualificou como un dos mellores expoñentes do potencial enogastronómico da Comunidade galega. Neste sentido, salientou a súa contribución para que cada día sexan máis os viaxeiros interesados na enogastronomía galega, unha das principais motivacións á hora de viaxar. En concreto, é xa a segunda razón pola que nos visitan. “A enogastronomía e as festas son dous dos recursos diferenciadores aos que presta especial atención a nosa Estratexia do turismo 2020, e tamén dous dos elementos que definen esta festividade, polo que desde o Goberno galego traballamos intensamente no seu impulso e promoción”, indicou Marisol Díaz.

En total, Galicia conta nestes momentos con 141 festas repartidas por todo o seu territorio que gozan dalgún tipo de interese turístico. Delas, nove son de Interese Turístico Internacional, 12 de Interese Turístico Nacional e 120 de Interese Turístico de Galicia. A do Polbo do Carballiño é unhas das catro festas de interese turístico da provincia ourensá que conta co recoñecemento nacional.

Na súa intervención, a máxima representante do Goberno galego en Ourense subliñou o esforzo de Turismo de Galicia para diversificar a oferta turística polas catro provincias galegas e poñer en valor o enorme atractivo da provincia de Ourense que, segundo Díaz Mouteira, é “un dos motores do turismo de Galicia como o demostra que foi a provincia galega cunha mellor evolución nos cinco primeiros meses deste ano, fóra da tempada estival, avanzando nos obxectivos de desestacionalización”. Así apuntou que neste período a provincia recibiu máis de 138.000 viaxeiros, un 10% máis que en 2017 que realizaron preto de 250.000 noites. O turismo rural contribuíu a este crecemento, achegando un 26% máis de visitantes aloxados.

16 de xullo de 2018 | 14:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.