publicidade hoxe

A Xunta apoia o festival Sinsal na Illa de San Simón cunha subvención da Agadic e a través da Marca Fest Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaPortada dereitaRedondela
A-
A+
Presentación festival Sin Sal

Presentación festival Sin Sal

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrarase na Illa de San Simón do 26 ao 29 de xullo co apoio da Xunta de Galicia, mediante unha subvención próxima aos 19.700 da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e distintas accións desenvolvidas a través de FEST Galicia, a marca creada para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

O encontro, que cumpre este ano a súa oitava edición, concorre por quinto ano consecutivo a esta convocatoria, dotada cun total de 280.000 euros e da que se benefician outros 11 grandes eventos musicais galegos. Ademais, o Festival Sinsal SON Estrella Galicia é membro de FEST Galicia, na que están asociados 10 festivais de verán que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegarlle valores engadidos á experiencia musical tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.

Así o explicou hoxe en Vigo na presentación de Sinsal 2018 o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen participou no acto xunto con Julio Gómez, codirector do evento, e outros representantes de institucións e firmas comerciais patrocinadoras. Na rolda de prensa, os organizadores confirmaron que, unha vez máis, o festival se iniciará coas entradas xa esgotadas para un cartel artístico que permanece en secreto ata o mesmo momento da chegada á illa, á que se accederá en barco desde os peiraos de Vigo e de Meirande. Tamén anunciaron distintas novidades complementarias para este ano, como as andainas guiadas que percorrerán ese especial enclave atlántico ou o programa enfocado para público profesional que terá lugar o xoves 26.

Igualdade, lingua e medio ambiente

Jacobo Sutil especificou que a marca Galicia Fest está a ter presenza nos eventos adheridos a través dun espazo propio de difusión e sensibilización, así como de campañas, accións e liñas de traballo en diferentes ámbitos, adaptadas especificamente a cada un dos festivais e coa colaboración directa doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Medio Ambiente, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Turismo de Galicia ou a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Deste xeito, concretou que FEST Galicia estará presente no Festival Sinsal SON Estrella Galicia cunha serie de accións transversais. O ámbito da igualdade centra varias das iniciativas que se desenvolverán na Illa de San Simón a través da marca, que defende tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos postos directivos e técnicos dos equipos de traballo. Ademais, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, difundirase a campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual, o que supón que no espazo FEST Galicia haberá persoas expertas informando sobre como actuar ou a quen acudir en caso de agresións a través da difusión dun decálogo contra a violencia sexual. Ademais, o domingo 29, de 16,00 a 19,00 h. desenvolverase un obradoiro de estampaxe de camisetas serigrafiadas co lema e personalizadas con emoticonos.

No Sinsal comunicarase tamén a campaña O galego crea ambiente, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e co obxectivo de dinamizar a lingua galega entre a mocidade, sensibilizando e fomentando unha actitude respectuosa. Esta campaña entronca medio ambiente con lingua como valores patrimoniais imprescindibles que é necesario coñecer e valorar. Neste marco, o venres 27 entre as 18,00 e as 20,30 h., un técnico e unha técnica darán a coñecer o Plan de Dinamización da Lingua Galega e recollerán as achegas e ideas das persoas que participen. O comunicador Víctor Grande tamén participará nesta actividade gravando vídeos selfies coas achegas do público.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está implicada así mesmo nas accións de FEST Galicia a través da distribución de todas as tipoloxías de contedores para a xestión axeitada dos residuos xerados durante o festival; e de accións coordinadas por monitores e monitoras que divulgarán a importancia da sustentabilidade ambiental neste tipo de eventos e, especialmente, nun lugar tan sensible ambiental e patrimonialmente como é a Illa de San Simón.

Escenario FEST Galicia

Por último, a Xunta de Galicia patrocina a través da marca unha parte do programa do festival a través do escenario FEST Galicia, situado no centenario Paseo dos Buxos. Por el pasarán algunhas das principais musicais do devandito cartel secreto. Coa súa participación en FEST Galicia, o Sinsal SON Estrella Galicia comprométese a aplicar criterios de igualdade na súa programación, unha dinámica que é xa unha constante neste certame. De feito, o equipo de produción desta edición conta cun 60% de mulleres, un 44 % das bandas contratadas están lideradas por artistas femininas, outro 44 %por homes e o 12% restante corresponde a formacións mixtas.

23 de xullo de 2018 | 16:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.