publicidade hoxe

A Xunta anuncia no Diario Oficial da Unión Europea a licitación das obras da estación de autobuses intermodal de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia publicou hoxe no Diario Oficial da Unión Europea o anuncio previo da próxima licitación da estación de autobuses intermodal de Vigo. Este trámite permítelle á Consellería de Infraestruturas e Vivenda acurtar os prazos legalmente previstos para o proceso de contratación dos traballos.

Grazas á publicación do anuncio previo, cando se liciten as obras, será posible reducir o prazo para a presentación de ofertas desde o mínimo establecido de 35 días naturais ata 15 días naturais, acurtando así a duración do período de contratación.

O Goberno galego prevé licitar as obras da nova estación de autobuses integrada na terminal de ferrocarril de Vigo en canto conte coa imprescindible aprobación urbanística, que se acadará a través da Lei autonómica prevista para proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.

Hai que ter en conta que a estación de autobuses intermodal de Vigo forma parte dun proxecto máis amplo, formado tamén pola terminal de ferrocarril xa construída en Urzáiz e o Centro Vialia proxectado.

Debido á falta dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) actualizado en Vigo, a Xunta, o Ministerio de Fomento e o Concello acordaron tramitar a aprobación urbanística a través da devandita Lei autonómica 3/2016, impulsada precisamente polo Goberno galego para evitar que a cidade quedase paralizada tras a anulación xudicial do Plan xeral.

A pesar de que a Xunta o viña demandando desde moito antes, foi durante esa tramitación cando o Concello de Vigo decidiu asumir a súa responsabilidades nos accesos. Así, tardiamente, a Administración local solicitou incorporar ao proxecto uns accesos que supoñen unha ambiciosa actuación urbana, e que contou co visto e prace tanto do Ministerio de Fomento como do Goberno galego. As tres administracións pecharon recentemente un convenio de colaboración para o cofinanciamento desas obras.

Sen embargo, a complexidade da actuación de accesos proposta está a supor unha demora á hora de culminar a tramitación do proxecto conxunto de Urzáiz desde o punto de vista urbanístico.

Cómpre que o Ministerio de Fomento autorice tecnicamente eses accesos para poder incorporalos ao proxecto global e, desa forma, culminar a súa tramitación na Xunta como unha única actuación a través da Lei 3/2016 de medidas en materia d proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.

Con esa aprobación será posible non só licitar as obras da estación de autobuses, senón tamén desenvolver os accesos e iniciar a execución do Centro Vialia.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda licitará as obras da estación de autobuses por aproximadamente 15,8 millóns de euros, importe que inclúe a achega autonómica para cofinanciar os accesos.

O Goberno galego, ademais dese investimento, pon á disposición do proxecto a Lei autonómica que fará posible a súa execución a pesar de que a cidade carece dun Plan xeral actualizado conforme ás súas novas necesidades de crecemento.

18 de xullo de 2018 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.