publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achega 17.000 euros para mellorar os camiños de Reboredo, en Láncara

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLáncaraLocal PortadaLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia achega ao concello de Láncara 17.263 euros para a mellora e afirmado dos camiños interiores no núcleo de Reboredo, na parroquia de Bande, asumindo deste xeito o 60 por cento do custo total das obras.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego colabora cos concellos para “impulsar as dotacións nos núcleos rurais, co obxectivo último de fixar poboación e avanzar no reequilibrio territorial”. Neste caso, apuntou, o financiamento procede dun programa da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

A actuación consistirá no bacheo puntual onde se precise, extensión de novo pavimento en toda a zona de actuación, e limpeza e acondicionamento de cunetas, entre outros labores. Balseiro afirmou que a actuación incide na seguridade viaria e tamén no desenvolvemento económico, “por canto favorece que as explotacións gandeiras dispoñan de comunicacións axeitadas para recibir os subministros, vender os produtos e realizar a súa actividade”.

Igualmente, mellora a estética do pobo e reforza o atractivo do Camiño Real que atravesa a zona e que tamén se está a potenciar como recurso patrimonial, turístico e económico para o concello. De feito, o pasado ano a Xunta -a través de Turismo de Galicia- financiou con 50.000 euros a sinalización da ruta ao seu paso polos concellos de O Corgo, As Nogais, Becerreá, Láncara e Triacastela.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que o Goberno galego colabora cos concellos para que, como Administración máis próxima aos cidadáns, poidan contar cos medios axeitados para ser motor do desenvolvemento económico local.

Polo que respecta en concreto á orde da Consellería de Presidencia á que se acolle o proxecto de Reboredo, servirá para financiar en distintos puntos da provincia intervencións municipais orientadas á instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; pavimentación de vías públicas municipais; e a construción ou mellora de espazos públicos: dende zonas de ocio como prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís, ata dependencias municipais, equipamentos ou instalacións deportivas, entre outros.

10 de xullo de 2018 | 11:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.