publicidade hoxe

A Xunta abre este xoves o prazo para solicitar as axudas á dixitalización do patrimonio cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura, abre mañá o prazo de solicitudes da convocatoria de axudas para facilitar a dixitalización dos fondos patrimoniais a entidades públicas e organizacións privadas sen fins de lucro. Así se publica hoxe no DOG, tras a aprobación o pasado mes de xuño no Consello do Goberno galego desta medida enmarcada na iniciativa da Memoria Dixital de Galicia.

As axudas, que contan cun importe total de 800.000 euros, están destinadas á dixitalización de fondos documentais en soporte papel (publicacións seriadas, manuscritos, mapas, material gráfico como fotografías, gravados, carteis, debuxos, monografías e folletos, e partituras, partituras anotadas ou manuscritos de música). Cómpre destacar que os recursos dixitais que se xeren nos proxectos subvencionados se difundirán a través do portal Galiciana

O vindeiro venres, 20 de xullo, ás 11 da mañá celebrarase unha xornada informativa no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura, na que os posibles beneficiarios terán a oportunidade de formular calquera dúbida en torno á convocatoria. A entrada é aberta e non precisa de inscrición previa.

Subvencións de ata 90.000 euros

A convocatoria subvenciona proxectos cun importe mínimo de 10.000 euros e máximo de 90.000 euros. As entidades beneficiarias recibirán un anticipo do 80% da subvención concedida este ano e o 20% restante en 2019, unha vez acreditado o remate dos traballos de dixitalización. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á súa publicación no DOG.

As axudas están dirixidas aos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma, entidades locais, e entidades delas dependentes, universidades públicas e o Consello Galego de universidades, entidades privadas sen fins de lucro que dispoñan de activos do patrimonio cultural de Galicia, reais academias e as academias de Galicia, oficialmente establecidas e recoñecidas.

Memoria Dixital de Galicia

A Memoria Dixital de Galicia é unha estratexia impulsada desde o ámbito público, a través da Consellería de Cultura, Educación Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego, baixo a denominación das institucións da memoria, entre os que están o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou as universidades públicas galegas.

Con esta iniciativa Galicia aposta polo establecemento de sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural para acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade.

18 de xullo de 2018 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.