publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A primeira semana de ‘Atardecer no Gaiás’ contará con Rels b, superestrela do trap e hip-hop en español que revoluciona Youtube

A Cidade da Cultura de Galicia inaugura esta semana os primeiros solpores musicados de Atardecer no Gaiás, para os que contará con Rels B, superestrela do trap e hip-hop estatal, cuxas cancións revolucionan a canle de Youtube ao alcanzar os 20 millóns de visitas e que fan que, a pesar da súa xuventude, xa se teña feito cun sitio ao carón de figuras tan mediáticas nestes xéneros musicais, como son C. Tangana, Yung Beef o Dellafuente.

No entanto, na Praza Central da Cidade da Cultura tamén soarán o mellor funky e soul, da man da banda Shirley Davis & The Silverback e o indie intimista, coa volta aos escenarios de Modelo de Respuesta Polar, cun traballo que está a colleitar innumerables eloxios por parte de medios de comunicación especializados.

Así, a banda de Shirley Davis & The Silverback será a encargada de abrir ás 21 horas deste xoves, día 5, este ciclo de concertos, de balde e ao aire libre, que contan coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas (Inaem) e o patrocinio de Cervezas Alhambra. Con músicos provenientes de Australia e Madrid, esta formación supón todo un sopro de aire fresco no soul e o funky. Veñen presentar ao Gaiás o seu segundo longo, Wishes & Wants, un disco cheo de enerxía e mensaxe co que van demostrar que estes dous xéneros están máis vivos ca nunca.

Rels B, superestrela do trap e hip-hop

O Escenario Alhambra, na Praza Central, acollerá o venres, día 6, a actuación de Rels B. O intérprete mallorquino é coñecido como o rapaz boíño do hip-hop. Aos seus 24 anos os seus temas —nos que non falta trap e música electrónica— alcanzan 20 millóns de reproducións en Youtube. Ademais, xa pode gabarse de contar con colaboracións con artistas de prestixio dentro do panorama dos novos sons de música urbana a nivel estatal, como é o coñecido Dellafuente, ademais de ter rexistrado unha exitosa xira por Latinoamérica e Europa.

O cantante do hit Made in Taiwan garante converter a Praza Central do Gaiás nunha discoteca de baile. Ademais, para as persoas que queiran continuar a festa, ao rematar o concerto haberá pinchada musical con NingunhaDJ, polo que servizo urbano de autobuses das 23 horas de baixada ao centro de Compostela ampliarase ata ás 00.30 horas para poder continuar a festa.

O peche da primeira semana de Atardecer no Gaiás virá da man dos sons intimistas da banda indie Modelo de Respuesta Polar. Os valencianos amosarán no seu concerto de sábado, día 7, que perderon escuridade a gañaron potencia co seu último traballo Más movimientos, que está a ser acollido moi ben pola crítica.

Estes tres concertos forman parte das 21 actuacións que se celebrarán na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 18 de agosto, nunha edición que se caracteriza por maior presenza das músicas urbanas e tamén pola aposta por voces femininas, tal e como demostra que na vindeira semana se suban ao Escenario Alhambra —ademais dos mexicanos La Redada— as galegas A Banda da Loba e a brasileira Dom La Nena.

2 de xullo de 2018 | 14:33 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario