publicidade hoxe

A Consellería de Sanidade e as universidades de Santiago e Vigo cooperarán para dar unha mellor asistencia sanitaria aos galegos

Jesús Vázquez Almuiña na sinatura do convenio

Jesús Vázquez Almuiña na sinatura do convenio

A Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as universidades de Santiago de Compostela (USC) e de Vigo (UVigo) colaborarán no desenvolvemento de estudos coa finalidade de mellorar a calidade asistencial sanitaria que se presta á cidadanía e, deste xeito, optimizar a utilización dos recursos dispoñibles. Para acadar este obxectivo, o titular da carteira sanitaria autonómica, Jesús Vázquez Almuiña, e os reitores de ambas as dúas universidades, Antonio López Díaz, da institución compostelá, e, Manuel Joaquín Reigosa Roger, da viguesa, asinaron esta mañá un convenio de colaboración.

O obxecto do devandito convenio é o desenvolvemento dunha liña de traballo conxunto para implantar un sistema de avaliación asistencial cun deseño metodolóxico científico (obxectivo, de rigor e de excelencia) que garanta medir os resultados en saúde nos pacientes galegos, consecuencia das intervencións asistenciais implantadas no Sergas. O proxecto dirixirase ás patoloxías de maior impacto asistencial ou máis prevalentes.

Os estudos que realizarán conxuntamente o Sergas e as universidades permitirán cuantificar con rigor os resultados en saúde dos diferentes tratamentos ou intervencións sanitarias en patoloxías que, pola súa prevalencia ou gravidade, teñan especial interese sociosanitario ou requiran un especial seguimento da efectividade das intervencións efectuadas.

Os criterios de selección dos estudos a abordar serán determinados polo Sergas e rexeranse por razóns de impacto asistencial ou social, pola gravidade da enfermidade, a efectividade da atención sanitaria ou polas necesidades asistenciais.

Para o desenvolvemento deste proxecto contarase cun grupo de investigadores expertos nos distintos campos que comprende este tipo de estudos (metodoloxía, epidemioloxía, economía da saúde, estatística, etcétera) que pertenzan ás tres institucións públicas. E tamén cos sistemas de información de análise complexas e a HEXIN, a Plataforma de Big Data corporativa do Servizo Galego de Saúde. A liña de traballo consistirá no deseño e desenvolvemento de estudos que permitan avaliar os tratamentos e intervencións sanitarias en termos de efectividade, seguridade e eficiencia, o seu impacto na saúde da poboación e na calidade asistencial.

Deste xeito, e en base ao convenio asinado hoxe os profesionais do Sergas aportan a experiencia en xestión e coñecemento en materia de asistencia sanitaria, e os expertos das dúas universidades, a metodoloxía científica.

O convenio terá unha duración de tres anos e poderá ser prorrogado por dúas anualidades máis.

Colaboración interadministrativa

Tanto a Consellería de Sanidade e o Sergas, así como as universidades de Santiago e de Vigo son conscientes da importancia que ten a colaboración interadministrativa en beneficio da sociedade. E nesa liña, estes organismos manteñen unha colaboración sólida na procura dunha investigación de excelencia, no ámbito das Ciencias da Saúde, que contribúa a implantación de melloras na xestión sanitaria, co obxectivo de optimizar a asistencia sanitaria proporcionada no Servizo Galego de Saúde e a calidade de vida dos pacientes, así como axudar a implantar medidas que diminúan a morbimortalidade.

9 de xullo de 2018 | 15:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.