publicidade hoxe

Un total de 14 concellos e 6 entidades sen fin de lucro benefícianse das axudas para a mellora dos Arquivos de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, acaba de resolver as axudas para a mellora dos arquivos de Galicia, ás que destina un total de 102.740 euros para a realización de actividades de descrición de fondos documentais e das que se beneficiarán seis entidades privadas e 14 concellos.

Para que os arquivos realicen adecuadamente as súas funcións e a cidadanía teña acceso á información contida nos documentos, é preciso que estean dotados de infraestrutura e equipamento axeitados, que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes. Así, con esta liña de subvencións, a Secretaría Xeral de Cultura colabora no financiamento dos arquivos do Sistema de Arquivos de Galicia para garantir a conservación e o acceso ao patrimonio documental que custodian, con ata o 80% do investimento total do custo dos proxectos.

Unha axuda máxima de 6.000 euros

A axuda máxima por beneficiario é de 6.000 euros, que acadaron os concellos de Val do Dubra, Pol, A Mezquita, Portomarín, Dumbría, Amoeiro, Cenlle, Baños de Molgas, Avión, Aranga, Lousame e Xunqueira de Espadanedo; e as fundacións Vicente Risco e Exponav. O Concello de Bande acada 4.460,40 euros e o de San Sadurniño, 1.279,60 euros. O Club de Campo de Ferrol recibirá 5.928 euros, a Fundación Isla Couto, 4.000 euros; a Fundación Penzol 1.875 euros e a Fundación Uxío Novoneyra, un total de 1.197 euros.

Outros 30 concellos figuran como suplentes na orde de resolución, por orde decrecente de puntuación, para o caso de que algún dos municipios que acadaron as axudas renuncien a elas. No mesmo caso atópanse dúas fundacións.

A resolución pode consultarse na web www.cultura.gal e tamén no portal de Arquivos de Galicia, en www.arquivosdegalicia.xunta.gal.

Para a resolución desta axudas –dirixidas aos entes locais e ás entidades sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia–, no proceso de avaliación dos proxectos tivéronse en conta criterios como a antigüidade e o interese dos fondos a describir, o nivel de autofinanciamento e a viabilidade do proxecto. No caso das entidades locais tamén influíu o número de habitantes do municipio.

12 de xuño de 2018 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.