publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Teresa Pérez Tilve presenta na Bandeira a súa primeira obra narrativa, “A carón da máquina”

presentacion caron maquina bandeiraO Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira acollerá o vindeiro venres 8 de xuño, ás 20.30 h, a presentación da primeira incursión literaria de Teresa Pérez Tilve, o libro “A carón da máquina”.

O acto, que estará aberto ao público en xeral ata completar aforo, contará coa presenza da mestra Marisa Camanzo Rey, a profesora María Carmen Ares Rodríguez, a ilustradora do libro Marisa Miguélez; o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña; e a autora, Teresa Pérez Tilve.

 A obra

É precisamente cando a memoria está en perigo cando máis necesidade temos de lembrar. Por esta razón, esta serie de relatos en “A carón da máquina” nos axuda a escoitar o murmurio insistente do pasado, a lembralo e restituílo. Malia termos unha clara protagonista, Teresiña, e a historia da súa infancia na Galicia labrega da época franquista, así como da loita diaria da súa familia por saír adiante nunha aldea da provincia de Pontevedra, estas narracións van alén da experiencia individual, polo que o público lector recoñecerá situacións e acontecementos que ou ben viviu ou ben oíu contar, xa que este libro trata tamén da historia e a memoria colectivas.

Colaboracións

Este libro, editado por Edicións Fervenza contou coa colaboración do Concello de Silleda e a secretaría xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

A autora

María Teresa Pérez Tilve (Xeve – Pontevedra, 1945) é mestra de Ensinanza Primaria e Licenciada en Filoloxía Xermánica pola USC. Conta así mesmo co Certificate of Proficiency in English, da Universidade de Cambridge e o Diploma de Estudos Avanzados da USC.

Desenvolveu a súa actividade docente durante corenta anos. Primeiro, como mestra de primaria, en aldeas de Ponte Caldelas, Mondariz e, durante moitos anos, na Escola Padroado SFN, do Colexio María Inmaculada de Silleda. Como profesora de secundaria, ensinou nos IES Ramón María Aller e Pintor Colmeiro, de Silleda, do que foi directora ata a súa xubilación.

Durante a súa actividade profesional participou en varios proxectos europeos, dos que cabe salientar os seguintes: 

Realización e publicación de Hablamos: Vídeo y Guía Didáctica para la enseñanza del español como lengua extranjera. UE. Programa Sócrates. Proxecto de innovación: English Language and Teaching Methodology. UE. Programa Lingua. Agricultural Technology Tradition. UE. Programa Sócrates, acción Comenius 1. IES Pintor Colmeiro, en colaboración con institutos de Italia, Grecia, Polonia e Turquía.

Participou asimesmo no proxecto Mellora da calidade dos Mecanismos de Xestión Educativa dos Centros da Consellería de Educación e O.U. 

Unha vez xubilada, volveu á universidade e, en 2014, acadou o grao de Doutora en Filoloxía Inglesa pola USC coa tese: Reshaping Mirrors: Mothers and Daughters in Contemporary Irish and Galician Women’s Poetry. Esta tese analiza as relacións entre nais e fillas na poesía dalgunhas escritoras irlandesas e galegas contemporáneas; tema que tamén está presente nesta súa primeira obra narrativa. 

A ilustradora 

Marisa Miguélez (Silleda – Pontevedra) foi alumna do profesor D. Francisco López Carballo en Santiago de Compostela. Anos máis tarde, en 1971, emigra a Suíza, onde traballará e cultivará ao mesmo tempo a pintura e os idiomas. Da morriña inmensa da súa terra galega nacerán moitos dos seus poemas, que logo cobrarán forma nalgunha das súas obras. A maioría delas son un canto a Galicia, á maternidade, á natureza e á vida.

A partir de 1971viaxa a Zúric, Losana, Xenebra, Aigle, Vevey, Montreux, Róterdam, Breda, Bordeos, Lalinde, Saint Émilion e Schaffhausen, onde pinta á beira do río Rin e expón nalgún deses lugares.

Entre as exposicións internacionais, destaca a presenza das súas pinturas no Klubschule de Zúric, no Centro Español de Aigle, no Centro Gallego de Róterdam, na Antiga Domus Municipalis de Valença do Minho, na Feira Internacional de Arte de Brescia, na Feira Internacional de Arte de Grenoble, no Aeon Logic Art Gallery de Brooklyn ou na Galería Elena Braum de Guanajuato.

No que respecta á bibliografía, o seu nome aparece na Gran Enciclopedia Galega, en Mulleres destacadas de Galicia, no Catálogo Fiera Mercato di Artisti Spagnoli a Milano e no catálogo 1ª Ruta del Arte. Castelló d’Empuries.

En España, exerceu o maxisterio ata a súa xubilación en 2013. Segue dedicándose á pintura como unha das paixóns que enchen a súa vida.

7 de xuño de 2018 | 14:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.