publicidade hoxe

Teatro, danza e a colaboración con MADferia centran o programa da penúltima xornada de Galicia Escena PRO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, alcanza mañá a súa terceira xornada de actividade, que inclúe cinco producións de teatro e danza, ademais da presentación da colaboración con MADferia para o intercambio de espectáculos galegos e madrileños entre ambos encontros.

No apartado de exhibición de espectáculos, pensado tanto para os profesionais acreditados como para o público xeral, esta penúltima xornada comezará ás 11,00 h. na Sala 2 da Fundación SGAE con Trompicallo e a súa montaxe de monicreques Planeta Ardora. O público infantil é o principal destinatario desta proposta, ao igual que de Patapatúm, o último traballo de Elefante Elegante, que poderá verse na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE ás 12,15 h.

Elisa e Marcela, de A Panadaría, será a terceira representación da xornada. Coproducido xunto ao Centro Dramático Galego e os concellos da Coruña, Vimianzo e Rianxo, este espectáculo arredor da historia de amor de dúas mulleres a principios do século pasado obtivo catro galardóns na pasada edición dos Premios María Casares de Teatro. Poderá verse no Auditorio Abanca, ás 17,30 h.

Dous espectáculos madrileños

A continuación, a actividade trasladarase ao Teatro Principal coa representación ás 19,30 h. de Lo nunca visto por La Estampida, unha das dúas compañías madrileñas que se presentan este ano en Galicia Escena PRO grazas á colaboración coa Asociación de Empresas Productoras de Artes Escénicas de Madrid (Artemad). Dáse continuidade deste xeito, á política de intercambios con outras comunidades autónomas, como os mantidos nos anos precedentes co País Vasco e Castela e León, e que, desta volta, suporá tamén a inclusión de dúas propostas galegas na vindeira edición de MADferia en xaneiro de 2019.

Esta colaboración, no marco da que o xoves actuará en Santiago La Tartana con Soñando a Pinocho, será tamén obxecto dunha das presentacións profesionais incluídas no programa do mercado. Neste caso, a cita terá lugar ás 16,30 h. na biblioteca do Salón Teatro.

Esta terceira xornada de Galicia Escena PRO rematará no escenario da sede do CDG co espectáculo coreográfico Método negro, de Javier Martín, a terceira das catro propostas de danza que poderán verse nesta sexta edición do encontro.

Como en anos anteriores, as localidades dispoñibles tras o acceso dos profesionais acreditados póñense a disposición do público xeral de xeito gratuíto, previa retirada das entradas no despacho de billetes correspondente desde una hora antes do comezo da representación.

12 de xuño de 2018 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.