publicidade hoxe

Sogama situarase á cabeza das infraestruturas industriais de tratamento de residuos en 2019

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCercedaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Beatriz Mato na visita ás obras da planta de recuperación

Beatriz Mato na visita ás obras da planta de recuperación

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que o Complexo Medio Ambiental de Sogama en Cerceda será en 2019 a infraestrutura industrial de tratamento de residuos máis eficiente e con maior capacidade. Así o puxo de manifesto esta mañá a conselleira durante a unha visita ás obras de construción da nova planta na que se recuperarán os envases contidos no lixo en masa (na bolsa negra) e da remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Indicou que as obras rematarán este mesmo mes de xuño, polo que se inicia o período de probas e operará a pleno rendemento a finais deste mesmo ano. Avanzou que a continuación se iniciará a segunda fase, a remodelación da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. No momento no que se conclúan ambas fases, a finais de 2019, Sogama converterase nunha das infraestruturas industriais das súas características máis grandes e eficientes do planeta.

A conselleira de Medio Ambiente puxo como exemplo varias cifras relacionadas coa actividade de Sogama, como o feito de que -desde 1999- procesou na súa planta de clasificación máis de 314.000 toneladas de envases recollidos a través dos contedores amarelos; ás que hai que sumar as 185.000 toneladas que extraeu da bolsa negra, na que se atoparon materiais susceptibles de ser reciclados, que non foron seleccionados en orixe polos cidadáns, e que se poden reintegrar ao circuíto comercial cunha nova vida.

Non obstante, indicou que o obxectivo é multiplicar por catro a cifra actual, polo que coa ampliación tratarase o lixo doméstico de xeito máis eficiente e sostible, acadando a cifra de 120.000 toneladas de materiais que se enviarán aos centros de reciclaxe. Adiantou que estes obxectivos permitirán reducir o uso do vertedoiro a mínimos, pretendendo chegar ao vertido técnico cero, é dicir, que só se desvíe a vertedoiro a parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente.

Sinalou que este reto contribuirá a dar resposta aos obxectivos da Unión Europea en materia de tratamento de residuos e reciclaxe, e Sogama vai un paso por diante, xa que o complexo dará debido cumprimento ao gran obxectivo de limitar o vertido a un máximo dun 10% no ano 2035; posto que Europa trasladou que o uso do vertedoiro debe ser unha excepción, non unha norma.

Futuro circular

A conselleira de Medio Ambiente destacou que hoxe ninguén pon en dúbida que o modelo de produción lineal, baseado en extraer, fabricar, consumir e tirar, está caduco e que o futuro pasa pola economía circular, un modelo que prima o retorno, a renovación e o uso eficiente dos recursos.

O obxectivo é manter o valor económico dos produtos, materiais e recursos o maior tempo posible e reducir ao máximo a xeración de residuos, é dicir, trátase de imitar o modelo cíclico da natureza no que os materiais se empregan para crear un produto que será incorporado de novo ao proceso produtivo.

Explicou que o futuro pasa por converter os residuos en recursos por dúas razóns fundamentais, porque xera beneficios ambientais e sociais e porque impulsa novas oportunidade.

Indicou que a Comunidade galega xa está a sentar as bases para a implantación real e efectiva da economía circular, grazas á Estratexia Galega de Economía Circular, que se atopa en redacción; e á Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, dúas ferramentas que serán a folla de ruta para que Galicia sexa unha comunidade referente e punteira neste eido.

12 de xuño de 2018 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.